Preto de 300 rapaces participarán na festividade do patrón do corpo de bombeiros

Venres, 29 de febreiro de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Os bombeiros de Lugo celebrarán o vindeiro sábado 8 de marzo a festivadade de San Xoán de Deus, patrón deste Corpo. Como en anteriores anos, o parque de bombeiros realizará o venres 7 de marzo unha xornada de portas abertas coa participación de 296 alumnos de diferentes colexios da cidade.

Os rapaces realizarán diferentes actividades que lles permitirán coñecer o traballao que realizan os bombeiros lucenses: apagando lume con extintores, utilizando as mangueiras ou subindo aos vehículos.

Como en anteriores ocasións, o día 8, os bombeiros realizarán un desfile polo centro da cidade cos coches engalanados e utilizandos sirenas e luces. Esta actividade, que se realiza todos os anos, é seguida por moitos rapaces e rapazas.

A continuación celebrarase a misa na honra de San Xoán de Deus na capela do parque de bombeiros.

Balance positivo

O Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade, deu conta das actuacións realizadas polos bombeiros no último ano. Destacou que o número de intervencións mantense na media de anos anteriores. No 2007 os bombeiros realizaron 515 saídas, das que 183 foron por incendios e 68 por limpeza da calzada. Ademais, relacionadas con accidentes de tráfico figuran 36, 8 por rescate de animais, 32 de servizos de prevención e 20 de apertura de portas.

O corpo de bombeiros municipais, conta con 51 integrantes: un sarxento, 5 cabos e 45 bombeiros. Para a realización do seu traballo dispoñen de 8 coches de bombeiros.

Concelleiro destacou que durante o 2007 investiuse un total de 100.000 euros en equipamento: con novos uniformes, traxes químicos NBQ, cámaras térmicas, cortador de plasma; investimentos en comunicacións con novas unidades de cascos comunicadores, radioteléfonos e dous equipos GPS; e en equipamento de mobiliario, pintura e catro bancos de vestiario.

Para o ano 2008 cóntase cun orzamento de 30.000 euros para labores de mantemento de material.

Noticias relacionadas