Preto de 27.000 persoas contactaron co Servizo de Información 010 do Concello no primeiro semestre do ano

Esta plataforma recibe unha media de 4.200 chamadas ao mes. A maior parte, o 47% son demandas de información, seguidas das chamadas para dar avisos de distintas incidencias no funcionamento dos servizos públicos, o 31%

O número de persoas inscritas no servizo de mensaxería gratuíta a través do correo electrónico é de 3.250, e no de mensaxes de texto ao móbil, 1.950. En canto ás redes sociais, o 010 conta con máis de 1.300 seguidores

Mércores, 05 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Preto de 27.000 persoas contactaron co Servizo de Información 010 do Concello de Lugo no primeiro semestre do ano. Esta plataforma de atención á cidadanía recibiu máis de 25.560 chamadas e preto de 1.500 correos electrónicos nos primeiros seis meses do que vai de ano. Dende que entrou en funcionamento, en marzo de 2005, atendeu máis de 840.000 chamadas e correos.

Os meses de maior volume de chamadas foron os de maio e xuño, con 5.246 e 5.135 chamadas, respectivamente. A elevada demanda rexistrada neste dous meses débese á celebración da festa do Arde Lvcvs.

O servizo recibe unha media de 4.200 chamadas ao mes. A maior porcentaxe delas, o 47%, son demandas de información e refírense, maioritariamente, a como darse de alta e de baixa no subministro de auga, á petición de datos sobre o empadroamento, como solicitar a tarxeta cidadá ou solicitar información sobre o transporte público, entre outras.

En segundo lugar, figuran as chamadas para dar avisos de distintas incidencias no funcionamento dos servizos públicos, que representan o 31% das chamadas, e que adoitan ser para comunicar atascos na rede de sumidoiros ou avarías no subministro da auga, así como para solicitar a limpeza de rúas e parques públicos.

Deseguido, figuran as solicitudes de información sobre actividades realizadas por entidades colaboradoras do Concello, que supoñen un 16% das chamadas que atende o 010. E por último, o 6% das chamadas refírese á xestión e trámites como as inscricións para actividades organizadas polas diferentes áreas do Concello, a lectura do contador do subministro de auga ou a xestión de duplicados de recibos.

Aumento das peticións por correo

O 010, que presta servizo en horario de luns a venres de 08:30 a 20:30 horas e os sábados, de 09:00 a 14:00 horas, atende ademais peticións por correo electrónico. No primeiro semestre do 2015, o 010 xestionou un 32% máis de peticións por esta vía que o mesmo período do pasado ano, a maioría delas solicitando un servizo de intérprete de linguaxe de signos para persoas xordas. Os meses que máis correos electrónicos recibiu esta plataforma foi febreiro, con 343, e maio, con 287.

O 010 facilita información por outros medios, como as redes sociais ou mensaxería. Neste senso, o número de persoas inscritas no servizo de mensaxería gratuíta a través do correo electrónico é de 3.250, e no de mensaxes de texto ao móbil, 1.950. En canto ás redes sociais, o 010 está presente en Facebook, Twitter e Youtube. Na actualidade ditas canles contan con máis de 1.300 seguidores.

Noticias relacionadas