Preto de 140 promotores e particulares beneficiáronse este mes do aprazamento das taxas urbanísticas promovido polo goberno de Lara Méndez

O edil Miguel Couto, mantiña hoxe un novo encontro telemático con representantes da APEC para realizar un seguimento ás necesidades do gremio nas distintas fases do desconfinamento

O concelleiro de Urbanismo Sostible indicou tamén que só no mes de maio se abordou a xestión de 15 contratos menores de obras para reactivar o sector da construción

Venres, 29 de maio de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Preto de 140 promotores e particulares beneficiáronse este mes do aprazamento das taxas urbanísticas promovido polo goberno de Lara Méndez

Preto de 140 promotores e particulares se beneficiaron, só neste mes de maio, do aprazamento das taxas urbanísticas promovido polo goberno de Lara Méndez.

Este foi un dos datos que o edil de Urbanismo Sostible trasladaba esta mañá aos representantes da APEC no transcurso dun novo encontro telemático. O obxectivo da videoconferencia era realizar un seguimento da situación na que, tralas primeiras semanas da desescalada, se atopan as empresas lucenses dedicadas á construción e coñecer cales son as súas preocupacións e as dificultades coas que se van atopando a medida que se avanza na recuperación da actividade.

“Este goberno ten un compromiso, non só público senón manifesto, con todo o tecido produtivo do municipio, co que nos mantivemos en permanente contacto dende o minuto un da declaración do Estado de Alarma, para tratar de artellar medidas que axudasen a garantir a viabilidade dos negocios e a estabilidade económica dos mesmos, pero tamén das familias que dependen deles”, sinalou Miguel Couto.

Nese propósito de reactivación do traballo en prol do mantemento do emprego o executivo de Lara Méndez está a desenvolver diferentes iniciativas das que hoxe, o concelleiro, daba conta aos dirixentes da asociación para avaliar o seu calado e repercusións.

“Só durante este último mes, cando comezaron a levantarse algunhas das restricións do confinamento, o Concello abordou a xestión de 15 contratos menores para a execución de obras municipais co fin de propiciar a reactivación laboral das pequenas empresas que concorren a este tipo de adxudicacións. E tamén, no mes de maio, un total de 136 persoas se beneficiaron xa do aprazamento do ICIO e da taxa pola prestación de Servizos Urbanísticos. Un adiamento co que se pretende favorecer a liquidez financeira de promotores e particulares para que, con eses cartos - que non terán que abonar ata que reciban a autorización administrativa - poidan facer fronte a outros gastos propios da súa execución”, referiu Couto.

O responsable de Urbanismo Sostible salientou que todas estas medidas parten da posta en común das propostas do sector coas indicacións técnicas realizadas polo equipo de traballo creado por este departamento “para saír xuntos da crise sanitaria, actuando da man o ámbito público e o privado, coa finalidade de minimizar os efectos e prexuízos que a chegada do COVID causou na  sociedade”, concluíu Miguel Couto.

Audio

  • O edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, sobre os beneficiados do aprazamento das taxas urbanísticas | Descargar mp3
  • O edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, sobre os contratos menores de obras | Descargar mp3

Noticias relacionadas