As prestixiosas charlas TED chegan á cidade de Lugo a través do evento TEDxRúaSanFroilán

Ana Prieto presentou este evento, logrado a través dun proxecto realizado polo equipo do obradoiro municipal EmpregaTIC, que terá lugar o 11 de marzo no MIHL

Martes, 10 de xaneiro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
As prestixiosas charlas TED chegan á cidade de Lugo a través do evento TEDxRúaSanFroilán

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, presentou este martes no CEI-Nodus o evento TEDxRúaSanFroilán. Na presentación, a edil estivo acompañada polo equipo do obradoiro EmpregaTIC do Concello, que obtivo a licenza para traer á cidade de Lugo por primeira vez as charlas TEDx, formato local das prestixiosas charlas TED.

“O evento, que terá lugar o sábado 11 de marzo no MIHL, contará coa campioa do mundo de paraduatlón, Susana Rodríguez, entre outros relatores dos que se irá informando”, segundo avanzou Ana Prieto, que tamén sinalou que “esta é a primeira vez que se celebran unhas charlas destas características na cidade, das que na actualidade en España hai concedidas 25 licenzas para o ano 2017, que aparecen recollidas no mapa de ted.com”.

As charlas pivotarán ao redor do talento como ferramenta usada para poñer en valor ideas que paga a pena compartir en diferentes ámbitos, polo que os relatores serán persoas destacadas que dean a coñecer ideas e ferramentas que poidan resultar útiles para a sociedade.

Este evento porá peche ao obradoiro EmpregaTIC, que conta con 15 alumnos formándose nas áreas de xestión do marketing, comunicación e desenvolvemento de produtos multimedia interactivos. Por elo, tamén se aproveitará este evento e o espazo do MIHL para dar a coñecer o traballo realizado polos mozos e mozas que participaron nos diferentes obradoiros municipais que deron lugar ao EmpregaTIC.

Entradas

O aforo está limitado e as entradas para o evento estarán a disposición dos interesados nas vindeiras semanas, que as poderán conseguir a través dun concurso, no que se valorará o talento e a creatividade dos participantes plasmado nun vídeo ou nunha imaxe. As bases do mesmo publicaranse na páxina web www.tedxruasanfroilan.com e nas redes sociais deste evento.

As persoas asistentes poderán gozar tamén dunha versión diferente do que ven sendo un evento habitual. Con novidades e sorpresas tanto ao comezo como ao final, así como a celebración dun espazo de Networking para a posta en común de ideas, a presentación dos traballos realizados no obradoiro EmpregaTIC e moitas propostas máis.

Multimedia

  • As prestixiosas charlas TED chegan á cidade de Lugo a través do evento TEDxRúaSanFroilán

Noticias relacionadas