Preséntase en Lugo o documental La Teoría del Espiralismo

Mércores, 29 de abril de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Deportes, José Manuel Díaz Grandío, participou na presentación do documental "La Teoría del Espiralismo", dirixido por Mabel Lozano e coproducido polo Comité Parolímpico Español e pola Fundación Cultural Banesto. Neste acto estiveron tamén presentes a representante rexional da Fundación Cultural Banesto, Nerea Abelleira, a ex campioa de boccia parolímpica lucense María Hilda Rodríguez e os voceiros do Comité Parolímpico Español, Antonio Olalla e Hugo Fraile.

No acto celebrado no salón de actos do IES Virxe dos Ollos Grandes, visualizouse o documental e celebrouse unha pequena charla-coloquio onde deportistas femininas de canarias responderon ás consultas realizadas por algúns dos 300 estudantes alí presentes.

O obxectivo do proxecto é divulgar os valores de superación persoal das persoas con discapacidade no ámbito social, laboral e deportivo entre os estudantes de ESO coa participación de deportistas parolímpicos.

O DVD-documental explica, a través do deporte parolímpico, as grandes dificultades que deben superar deportistas femininas para poder lograr as metas que se propoñen, non só por barreiras físicas ou psicolóxicas, senón tamén sexistas. O documental vai dirixido a estudantes de ESO, mozos e mozas de entre 14 a 18 anos. Para captar a súa atención, optouse por un deseño moi impactante, con declaracións persoais e exemplos exactos, ademais dunha linguaxe sinxela e clara. Así mesmo, para que resulte máis atractivo e ameno, preséntase non só como unha experiencia vital interesante, senón tamén como unha crítica a diversos comportamentos sociais que "fan pensar" a calquera persoa que vexa o documental.

A Teoría do Espiralismo pretende dar a coñecer o deporte adaptado desde unha perspectiva sociolóxica, centrándose nos valores que o movemento parolímpico achega ás persoas e á sociedade en xeral. Para conseguir o seu obxectivo, contouse coa colaboración da presentadora Mabel Lozano e coas experiencias persoais das deportistas do equipo parolímpico español, nun seguimento individual tanto na súa vida privada como nos pasados Xogos Parolímpicos de Pequín 2008.

O documental creouse para difundilo non só aos estudantes, senón a toda acode que lle interese o tema, xa que desborda os límites lectivos e empapa calquera ámbito social ou laboral. Estase a presentar en diferentes cidades españolas, no marco de institutos de secundaria, de actividades de verán ou dun evento creado especialmente para dar a coñecer esta iniciativa. A cinta pasará por un total de 20 cidades españolas, nunha iniciativa na que se estima que máis de 10.000 nenos visionarán o documental.

Os estudantes lucenses puideron coñecer grazas a esta campaña, os valores de cultura universal, respecto e igualdade entre sexos e recoñecemento do afán de superación de persoas que cada día fan un pouco máis fácil a inserción das persoas con discapacidade na vida cotiá. O obxectivo é que a mocidade desenvolva unha visión da sociedade onde as persoas con discapacidade estean normalizadas en todos os ámbitos da vida, e os deportistas parolímpicos sexan percibidos como deportistas de alto nivel.

Multimedia

Noticias relacionadas