Preséntase a campaña Lugo 100 MIL, na que o Concello se marca como obxectivo os 100.000 habitantes

Rubén Arroxo sinalou “ hai que xerar ilusión, promover o lucensismo e facerlle ver á Xunta e ao Estado que Lugo tamén existe”

Distintas áreas do goberno local estarán implicadas neste campaña que se desenvolverá nos vindeiros meses

Luns, 23 de setembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Preséntase a campaña Lugo 100 MIL, na que o Concello se marca como obxectivo os 100.000 habitantes

O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo,  acompañado de ediles do goberno, presentaron no día de hoxe a campaña Lugo 100 MIL, que marca como obxectivo conseguir os 100.000 habitantes para o concello Lugo. Segundo Arroxo, “actualmente Lugo está no seu máximo histórico de poboación, a só 600 persoas para chegar aos 100.000 habitantes”. Por iso desde o goberno municipal se comeza esta campaña de “medidas para favorecer o empadroamento de xente nova e evitar que a veciñanza de Lugo teña que marchar”.

Rubén Arroxo anunciou que esta campaña se realizará desde as áreas con máis contacto coa veciñanza, e ten por obxectivo “crear ilusión nas veciñas e veciños de Lugo para chegar a este obxectivo”. Para isto, estarán implicadas as áreas de Cultura, onde desde a concellería de educación se traballará coas escolas infantís e garderías. A área de Participación tentará implicar ás usuarias e usuarios do mercado municipal, e a área de Mobilidade encargarase de informar aos usuarios e usuarias do transporte público municipal.

Segundo indicou Rubén Arroxo, “actualmente Lugo está a medrar, o que implica unha mellora na economía da cidade, e o crecemento do emprego”. Para Arroxo, superar a barreira dos 100.000 habitantes implicaría “maior inversión do estado e da Xunta de Galiza, ademais de aumentar o atractivo para certos eventos que crean un importante retorno económico e que buscan actualmente concellos de máis de 100.000 habitantes”.

Para Rubén Arroxo, isto sería posíbel con implicación doutras institucións, por iso “temos que esixirlle á xunta que leve adiante os proxectos que ten pendentes con Lugo dado que imos ser a cuarta cidade de máis de 100.000 habitantes do territorio galego”.

Audio

  • O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, sobre a campaña Lugo 100 MIL |Descargar mp3

Noticias relacionadas