A Praza Horta do Seminario reúne este sábado máis de 60 tipos de cervexas artesáns galegas

A IV Feira da Cervexa Artesá-Arde Lupulus serve de promoción para produtos naturais ao tempo que se dinamiza a actividade e vida da cidade

Xoves, 18 de maio de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Praza Horta do Seminario reúne este sábado máis de 60 tipos de cervexas artesáns galegas

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e o presidente da Asociación Galega de Cervexeiros Artesáns, Esteban Loureiro, presentaron este xoves a IV Feira da Cervexa Artesá-Arde Lupulus, que terá lugar este venres, sábado e domingo na Praza Horta do Seminario. Trátase dunha cita organizada pola asociación e patrocinada pola entidade local, co obxectivo de dar a coñecer este produto elaborado de xeito artesanal e profundizar na cultura que xira ao redor desta bebida.

Durante o acto de presentación, Basadre subliñou a importancia de actividades deste tipo, que serven, por un lado, de promoción para produtos artesáns, que teñen a oportunidade de dar a coñecer os seus produtos mediante un formato aberto, ao tempo que se apoia ás persoas emprendedoras e se dinamiza a actividade e vida da cidade. A edil tamén destacou o número de cervexas artesáns que hai en Lugo, e felicitou ao colectivo que a día de hoxe está a desenvolver o gran potencial deste produto e sector.

Pola súa banda, Loureiro agradeceu ao Concello o seu apoio, por cuarto ano consecutivo, con esta cita, mentres que convidou á cidanía a achegarse á Praza Horta do Seminaio durante este fin de semana.

A entrada a esta feira, que tamén contempla stands de comida e múltiples actividades relacionadas con este evento, é de balde. Nela poderanse degustar máis de 60 tipos de cervexas de toda Galicia, que farán degustacións e venderán os seus produtos naturais, podendo descubrir todas as persoas que se acheguen distintos matices e experimentar novos sabores.

Horarios

A feira arrincará o venres ás 18:00 horas, coa pinchada do primeiro barril. Ese mesmo día, ás 20:00 horas, terá lugar unha charla e cata co mestre cervexeiro de Doménicus no seu stand. Posteriormente, celebrarase un concerto a cargo de Mr. Fishmanaka Dr. Think. A feira pechará ás doce da noite.

O sábado terá lugar un curso de elaboración de cervexa gratuíto. As persoas interesadas poden anotarse en cursodecervexa@gmail.com. Ademais, celebrarse unha charla co mestre cervexeito de A Cova da Serpe e terá lugar un concerto de Taninos Maduros.

Na última xornada, o Arde Lupulus ofrecerá unha sesión Beermú, a cargo de Dj Francis y Diablillo, e un concerto de Chigliak. Ademais, haberá un concurso á mellor etiqueta da feira e á mellor cervexa, entre outros.

Multimedia

  • A Praza Horta do Seminario reúne este sábado máis de 60 tipos de cervexas artesáns galegas

Noticias relacionadas