A Praza de San Marcos estrea o novo alumeado que completa o proxecto de peonalización e mellora desta emblemática zona do Casco histórico financiado polo Plan Urban

Xoves, 10 de maio de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde destacou que a rehabilitación integral de San Marcos e o seu contorno é unha mostra da aposta que fai o Concello pola dignificación de espazos públicos de Lugo e foi posible grazas ás achegas feitas pola Unión Europea

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, acompañado polas Concelleiras de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, e de Infraestruturas, Paz Abraira, e pola Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, inaugurou esta noite o novo alumeado da Praza de San Marcos.

O Alcalde salientou que a rehabilitación integral da Praza de San Marcos e do seu contorno “é unha mostra máis da aposta que está a facer o Concello para lograr a dignificación de espazos públicos da nosa cidade” e tamén destacou que “esta actuación foi posible grazas ás achegas económicas que recibe Lugo da Unión Europea”, un dato sobre o que quixo chamar a atención “nun día tan significado coma hoxe no que se celebra o Día de Europa”.

Ó estreo do novo alumeado tamén asistiron veciños e comerciantes da zona. Unha vez completada a obra que supuxo a peonalización de San Marcos cun proxecto eléctrico complementario e contratado o aumento de potencia necesaria, hoxe entraron en servizo tanto o alumeado público como as fontes e o sistema de apertura e peche das cancelas de entrada ós xardíns da Deputación e de comunicación coa Rúa do Teatro, instalacións realizadas na obra de urbanización e o seu contorno que precisaban de alimentación eléctrica para o seu funcionamento.

As dúas fontes están formadas por varios chorros de auga verticais que parten do chan entre dados de pedra de distintos tamaños. A solución elixida permitirá manter apagados os mecanismos eléctricos cando sexa necesario por mor da existencia de condicións meteorolóxicas desfavorables.

O novo alumeado público consta de 77 luminarias empotrables instaladas na Praza e os calexóns lindeiros, 22 luminarias empotrables e 3 esféricas en superficie nos xardíns e 27 farolas en todo o conxunto. Ademais, os bancos de granito contan con iluminación por leds na parte inferior.

O novo alumeado que se inaugurou hoxe forma parte dun proxecto, financiado polo Plan Urban, que permitiu a rehabilitación integral e a peonalización dunha zona emblemática do Casco histórico de Lugo. A actuación feita en San Marcos abrangueu 8.000 metros cadrados dos que 2.800 son de xardíns e supuxo un investimento de 1,5 millóns de euros procedentes dos fondos do Plan Urban que cofinancia ó 80% a Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, xunto co Concello de Lugo e a Deputación provincial.

Este proxecto conseguiu recuperar para os peóns un espazo singular do Casco histórico de Lugo e darlle ós veciños un novo lugar de convivencia, así como poñer en valor o patrimonio arquitectónico da zona.

Ademais a transformación de San Marcos nunha gran praza permitiu a instalación de terrazas de hostalería e facer a zona máis atractiva para o turismo. Esta actuación completouse cos investimentos feitos pola iniciativa privada, tanto propietarios como comerciantes e hostaleiros, e por institucións como o INSS ou o Sergas. De feito,o Plan Urban entregoulle a cada comerciante un dossier con unha proposta de intervención. Dos 17 negocios que hai na Praza, 12 fixeron investimentos para a adecuación das súas fachadas, cartelería ou instalación de terrazas.

www.lugo.es/urban

 

Multimedia

Noticias relacionadas