A Praza de Abastos reabre mañá tras a colocación do novo solo

O recinto será accesible na súa totalidade, excepto o corredor das peixerías. Os 7 establecementos dedicados a esta actividade abrirán o xoves, cando o solo quede completamente seco

Martes, 16 de febreiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Praza de Abastos reabrirá mañá mércores ao público tras as obras de colocación do novo solo. A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, explicou que o recinto será accesible na súa totalidade, excepto o corredor das peixerías. Os sete establecementos dedicados a esta actividade abrirán o xoves, cando o solo quede completamente seco.

Esta demora prodúcese porque “existía unha importante humidade no soporte previo do solo, que se viu incrementada polas condicións meteorolóxicas adversas dos últimos días, polo que, a pesar dos esforzos da empresa adxudicataria, que mesmo colocou canóns de calor esta noite e durante todo o día de hoxe, non será posible abrir esta parte mañá”, explicou a Concelleira.

Cun orzamento de 1 millón de euros, financiados ao 80% pola Unión Europea a través do Plan Urban, o proxecto contempla a liberación do espazo central da primeira planta, abrindo dous ocos no eixo transversal, para lograr unha maior visibilidade de todo o interior do edificio e ampliar as zonas de tránsito co obxectivo de adaptar a superficie comercial dispoñible á demanda, eliminando o efecto negativo que provocan os postos sen actividade e incrementando o seu atractivo e accesibilidade.

Unha das principais intervencións será a comunicación da Praza de Abastos co párking soterrado de Santo Domingo, o que permitirá dotala dunha zona de aparcamento. A conexión farase mediante un corredor. A creación deste acceso permitirá ademais poñer en valor os restos da calzada romana que se descubriron nas escavacións para construír o túnel.

Audio

  • Ana Prieto, sobre a reapertura da Praza de Abastos|Descargar mp3

Noticias relacionadas