A Praza da Soidade acollerá o Día do Orgullo actividades para todas as idades en defensa dos dereitos LGTBIQA+

O executivo de Lara Méndez organizará o día 28 unha programación con talleres temáticos, contos teatralizados e unha gran festa final para unha xornada de concienciación e alegría.

A rexedora anima á participación: “Esta loita implícanos a todos para eliminar as discriminacións que aínda se manteñen e para lembrar ás persoas que aínda as sofren”.

Ás 20.00 horas, o Concello participará, xunto ás asociacións Alas, Avante LGTB+, Agrocuir e Sete Outeiros, nunha manifestación pola igualdade e dignidade efectiva e real. 

Venres, 24 de xuño de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Praza da Soidade acollerá o Día do Orgullo actividades para todas as idades en defensa dos dereitos LGTBIQA+

O Goberno de Lara Méndez, a través da concellería de Muller e Igualdade, que dirixe Silvia Alonso, anunciou a programación con motivo do Orgullo LGTBIQA+, que comezará na tarde do 27 e celebrarase durante todo o día 28 de xuño.

Dous días “nos que teñen cabida actividades para todas as idades en defensa dos dereitos das persoas LGTBIQA+”, sinala a rexedora, que considera que "a lucense é maioritariamente unha sociedade respectuosa coa diversidade e as diferentes orientacións sexuais e de identidade de xénero e días como o de hoxe son para reivindicar unha loita que a todos e todas nos debe implicar para eliminar as discriminacións que aínda se manteñen e para lembrar a todas as persoas que aínda as sofren e ás que nos precederon nese labor”.

Lara Méndez e Silvia Alonso darán o pistoletazo de saída dos actos este luns, 27, ás 20.00 horas, coa posta en marcha dunha instalación artística e luminosa con motivo do Día do Orgullo na Casa Consistorial.

O martes, ás 16.30h, a Praza da Soidade acollerá dous talleres temáticos pola diversidade, concretamente un obradoiro de pintado decorativo de pedras coas cores do arco iris e outro de estampado téxtil para a elaboración de deseños e consignas contra a LGTBIFOBIA. Todas as propostas fomentarán a parte máis creativa das persoas participantes dun xeito dinámico e os asistentes recibirán un lote individual de materiais.

Ao remate dos talleres, terá lugar, na mesma praza, un conto teatralizado, a cargo de Caxoto, denominado ‘Planeta LGTBIQ’. Nesta actividade participarán os nenos e nenas do programa municipal de conciliación ‘Aprende Xogando’, en quenda de mañá, co obxectivo de “educalos desde a infancia para que as crianzas entendan a existencia da diversidade, o que axudará a loitar contra a homofobia e evitará que se sintan rexeitados nun futuro”, apunta Alonso.

Xa ás 20.00 horas, o Concello participará, xunto ás asociacións de Lugo, Alas e Avante LGTB+, ademais de Agrocuir e Sete Outeiros, nunha manifestación pola igualdade e dignidade efectiva e real. A manifestación, que sairá  desde a praza Horta do Seminario percorrerá Bispo Aguirre, Rolda da Muralla – ata a porta de San Fernando-, rúa San Fernando, Bolaño Ribadeneira, Quiroga Ballesteros e Praza da Soidade, onde se realizará a lectura dun manifesto. 

Para finalizar o día, a partir das 21.00 h., organizarase na Praza da Soidade unha festa de pos de cores con sesión DJ. Un evento no que se pretende, sostén a concelleira, "xerar un ambiente festivo que motive á cidadanía a gozar da cidade durante esta conmemoración".

Multimedia

  • A Praza da Soidade acollerá o Día do Orgullo actividades para todas as idades en defensa dos dereitos LGTBIQA+

Noticias relacionadas