As posibilidades de curación do cancro, na cata literaria de marzo do MIHL

O médico oncólogo Germà Lluch, que logrou que as taxas de curación pasen dun 30% ao 94%, será o encargado de conducir esta nova sesión, que se celebrará o vindeiro 10 de marzo, ás 20:00 horas

Os interesados poden mercar xa a súa entrada por un prezo de 5 euros en www.entradaslugo.es, na Oficina Municipal de Turismo e no propio MIHL

Mércores, 24 de febreiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
As posibilidades de curación do cancro, na cata literaria de marzo do MIHL

O médico oncólogo José Ramón Germà Lluch será o encargado de conducir a terceira cata literaria do Museo Interactivo da Historia (MIHL) o xoves, 10 de marzo, ás 20:00 horas. Así o anunciou este mércores a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen se mostrou orgullosa de que por primeira vez as catas versen sobre a saúde e a medicina, e en concreto sobre unha enfermidade con tanta incidencia como é o cancro.

“Nas catas deste primeiro semestre, ademais de xuntar escritores de renome con escritores noveis, queremos mesturar todos os xéneros literarios”, subliñou a edil, quen avanzou que todos os interesados poden mercar a súa entrada por 5 euros na web www.entradaslugo.es, na Oficina Municipal de Turismo, de luns a sábado, de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 18:00 horas, e no propio MIHL, de martes a sábado, de 11:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas, e os domingos, de 17:00 a 20:00 horas.

Nestas catas literarias, que terán lugar o primeiro xoves de cada mes ata xuño, tamén haberá gastronomía lucense acompañada de viño da Ribeira Sacra. Ademais, durante todos os eventos, un grupo de música de Lugo acompañará aos asistentes. O xoves 10, as tapas correrán a cargo da Parrillada Restaurante Porta de Santiago, e a música, de Silvia Chigliak & Luis Monsalve.

Como en anteriores ocasións, as librerías da cidade porán á disposición dos asistentes no MIHL a bibliografía do escritor protagonista para que os asistentes poidan mercalos e asinalos polo propio autor.

Cata con matices oncolóxicos

Germà Lluch é médico oncólogo dende 1976. Foi artífice e testemuña dos avances produtivos na investigación, no tratamento e no diagnóstico de pacientes con cancro durante os seus 35 anos de profesión. Na súa especialización en Londres viviu o impacto curativo do cisplatino na xuventude afectada de tumores de testículo e ovario. De volta en España montou unha unidade especializada no tratamento destes pacientes e logrou que as taxas de curacións pasen dun 30% a un 94%. Foi presidente da Sociedade Española de Oncoloxía Médica e representante español na Sociedade Europea de Oncoloxía Médica. Na actualidade traballa e imparte clases en varias áreas relacionadas coa oncoloxía. 

Audio

Noticias relacionadas