Ponse en marcha a nova base de Rebicíclate no Campus Universitario

Mércores, 17 de setembro de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Coincidindo coa celebración da Semana Europea da Mobilidade o Concelleiro de Protección da Comunidade e Transportes, José Rábade, e o Concelleiro de Deportes, José Manuel Díaz Grandío, asistiron hoxe á posta en marcha dunha nova base de do servizo municipal de préstamo de bicicletas Rebicíclate.

A nova estación, situada no Campus Universitario, pecha o ciclo iniciado fai un ano cando se puxo en funcionamento a primeira estación sita na Avenida de Anxo López Pérez. A día de hoxe son xa máis de 750 os usuarios deste servizo que ao longo de todo o ano 2009 continuará a ser gratuíto para potenciar a súa utilización polos cidadáns.

Rebicíclate ten como obxectivo que os lucenses comecen a ver as bicicletas como un medio de transporte alternativo máis beneficioso para o Medio Ambiente.

Non é un deporte nin unha diversión só para o verán, senón que permite percorrer a cidade mellorando o grao de utilización do espazo público, o abastecemento enerxético de Lugo, a saúde dos lucenses e tamén reduce o ruído ambiental e as emisións contaminantes.

Coa posta en marcha desta nova base o Goberno Local quere continuar a potenciar o uso da bicicleta, aproveitando ademais as conexións coas paradas dos autobuses urbanos.

Cumprir as normas de circulación
Por outra banda, para o equipo de Goberno é fundamental que os usuarios deste servizo cumpran as normas de circulación, para evitar accidentes nas rúas da cidade. Aquí entra en xogo a educación vial de todos os lucenses que deberán respectar e coñecer a normativa de tráfico.

Por iso, dende a Concellería que dirixe José Rábade, organizáronse unhas xornadas que se impartirán no Centro Social do Uxío Novoneyra sobre seguridade vial para os usuarios de bicicletas entre as 17:00 e as 18:00 o venres 19 de setembro e das 11:00 ás 12.00 o sábado día 20. Un axente da Policía Local será o encargado de impartir esta charla que rematará co reparto de chalecos e cascos para os ciclistas e dun libro con normas de seguridade vial que foi presentado hoxe ante os medios de comunicación.

Baixo o lema “Ciclista, non te arrisques, coñecer as normas é vital” os ciclistas terán ao seu alcance un conxunto de consellos prácticos para un uso adecuado da bicicleta nas vías públicas.

Para inscribirse nalgunha das 60 prazas ofertadas poderá realizarse a través da web da Semana da mobilidade e do  teléfono de atención ao cidadán, 010.

Ademais, a Concellería pon dende hoxe unha nova dirección de correo electrónico para que os usuarios de Rebicíclate podan comunicar as súas propostas sobre o servizo: rebicíclate@concellodelugo.org.

Outras actividades
As citas da Semana da Mobilidade continuarán esta tarde co  programa Usa a Bici, organizado pola Concellería de Educación que dirixe Dolores Vieiro e que, dende as 17:00 horas ata as 19:30 horas, porá a disposición dos máis pequenos, entre 8 e os 14 anos, un circuíto de bicicletas para que practiquen coa seguridade vial na Praza de Anxo Fernández Gómez. Esta actividade repetirase mañá xoves co mesmo horario.

O Concelleiro de Deportes, José Manuel Díaz Grandío, lembrou que a semana rematará tamén con dúas citas ciclistas.  O sábado día 20 terá lugar o VII Gran Premio Lugo Rural de ciclismo que comezará ás 15:00 e rematará ás 20:00 horas e o percorrido será: Praza de Santo Domingo (saída e meta), Rúa San Marcos, Praza de San Fernando, Ronda da Muralla entre a Porta de San Fernando e a de Bispo Odoario, rúa Montevideo, Quiroga Ballesteros e Praza de Santo Domingo.

Ao día seguinte, o 21 de setembro, como broche de ouro, terá lugar o XV Día da Bicicleta, que comezará cunha concentración na Praza Maior ás 11:30 e un percorrido en bicicleta de 8 quilómetros que sairá do Concello ás 12:00 horas. O itinerario nesta edición será: Rúa Raíña, San Marcos, San Fernando, Avenida da Coruña, Rúa Mallorca, Praza da Milagrosa, Curros Enríquez, Camiño Real, Ronda da Muralla, Rúa Villalba, Avenida Rodríguez Mourelo, Avenida García Portela, Ramón Ferreiro, Rúa San Roque, Ronda da Muralla, Avenida da Coruña, Rúa Montefaro, Avenida Infanta Elena para chegar ao Centro Comercial das Termas.

Noticias relacionadas