A Policía Local usará unha web da Dirección Xeral de Tráfico para notificar as sancións que non se poidan facer chegar ós domicilios dos infractores

Xoves, 24 de maio de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

As notificacións no Taboleiro Edictal de Sancións de Tráfico substitúe á publicación no Boletín Oficial da Provincia e permite ós cidadáns coñecer en tempo real se teñen algunha sanción pendente

O Concello de Lugo incorpórase ó sistema TESTRA (Tablón Edictal de Sanciones de Tráfico) da Dirección Xeral de Tráfico e comezará a publicar a través da Internet as multas de tráfico que non se poidan comunicar nos domicilios dos interesados.

Co uso desta ferramenta informática da Dirección Xeral de Tráfico, a Policía Local de Lugo deixa de publicar no Boletín Oficial da Provincia as sancións de tráfico que non puideron ser notificadas.

A característica máis novidosa e eficaz deste sistema é a centralización desta información, que agora permitirá ter coñecemento, en tempo real, de todas as notificacións dos procedementos sancionadores que teña un condutor, calquera que sexa o lugar e a Administración que o sancionou.

O TESTRA é un servizo gratuíto ó que se pode acceder desde calquera ordenador con conexión a Internet e está aloxado na páxina web da DXT.

Noticias relacionadas