A Policía Local intervén en sete sinistros de circulación rexistrados durante a pasada fin de semana

Luns, 25 de novembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Durante esta fin de semana, en funcións de Policía Xudicial, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio realizaron 45 comprobacións de penas de localización permanente impostas por diferentes Xulgados.

Ademais, a Unidade de Atestados interveu durante o período indicado en sete accidentes de circulación ocorridos no centro urbano.

Un deles foi unha saída de vía na Avenida Benigno Rivera coa rúa da Industria. Ao condutor practicóuselle proba de drogas arroxando un resultado POSITIVO en cocaína, opiáceos e cannabis. Enfróntase a unha sanción de 1.000 euros e á retirada de 6 puntos do seu permiso de conducir. Tamén no Polígono do Ceao, os axentes acudiron a unha colisión entre dous vehículos na rúa da Industria.

Así mesmo, este sábado e domingo dous turismos estacionados en Irmáns Carro sufriron danos ao igual que outro, na rúa Dinán, onde o condutor do automóbil que os ocasionou abandonou o lugar, sendo localizado posteriormente grazas a unha testemuña tralo que se instruíron dilixencias a prevención.

Tamén neste fin de semana efectivos policiais interviron noutros dous sinistros, un deles rexistrado na Avenida das Américas entre dous vehículos con resultado de danos materiais e o outro na rúa da Garza, entre un turismo e un autobús urbano, sen feridos.

Igualmente, os axentes acudiron á Calzada das Gándaras, por petición dun condutor ao que lle rebentou a roda dianteira dereita do seu vehículo ao circular sobre unha fochanca cuberta por un charco de auga e asistiron outro accidente entre dous automóbiles, sen danos materiais, en Pintor Laxeiro cando un vehículo procedente da rúa Montirón, ao efectuar un cambio de dirección á esquerda, derrapou no paso de peóns impactando contra outro vehículo que estaba estacionado.

Por outra banda e, continuando co dispositivo activado para o control do cumprimento, por parte dos locais nocturnos, da normativa autonómica e local sobre “espectáculos públicos e actividades recreativas”, levantáronse actas por infracción ás devanditas normas en locais da rúa Salvador de Madariaga, Luís Seoane e Camiño Real.

Na primeira rúa citada levantáronse actas por realizar a actividade coas portas abertas, transmitindo altos niveis de ruído ao exterior e por permitir aos usuarios do local sacar consumicións ao exterior, fóra dos espazos autorizados.

Na segunda levantouse acta por exceder, no exercicio da actividade, do límite horario establecido e, na terceira, levantouse acta por ter instalado, sen contar con expresa a autorización administrativa, un equipo de reprodutor musical.

Asemade, nun dos establecementos denunciados levantouse acta contra o propietario por infracción á Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá por falta de respecto e consideración aos axentes que inspeccionaban o local.

Tamén, na tarde do día 22 de novembro, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, procederon á localización e identificación de dúas mulleres nadas en Colombia, como presuntas autoras dun furto nunha tenda de roupa situada no centro comercial “As Termas”.

Noticias relacionadas