A Policía Local insta á clausura do establecemento La Barrica pola comisión de varios delitos e graves altercados de seguridade cidadá

Só entre marzo e xuño a Policía Local levantou 23 actas por incumprir a Lei de Saúde de Galicia e a Policía Nacional realizou até 16 atestados por episodios de violencia no seu interior.

Esta é xa a terceira orde de peche que se solicita no que vai de ano contra locais conflitivos, ao abeiro da directriz da alcaldesa de actuar categoricamente contra os que propicien disturbios e prexudiquen a covivencia veciñal.

Xoves, 01 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Policía Local insta á clausura do establecemento La Barrica pola comisión de varios delitos e graves altercados de seguridade cidadá

A Policía Local vén de solicitar ao servizo de Negociado do Concello que abra un expediente sancionador á cafetería La Barrica, sita en Salvador de Madariaga, e que adopte, como medida cautelar, a suspensión da actividade e a clausura do propio establecemento.

Esta é xa a terceira orde de peche que se solicita no que vai de ano, ao abeiro da directriz da alcaldesa de actuar categoricamente contra os negocios que propicien disturbios e prexudiquen a covivencia cidadá.

O Inspector Xefe, Jesús Piñeiro, trasladou esta mesma semana á Alcaldía un informe advertindo da necesidade de tomar medidas ao respecto, ante o evidente e continuo desacato ás normas do seu propietario, “o que está a orixinar situacións de risco tanto para a veciñanza da zona, como para os propios axentes que acudimos a intervir nos altercados que teñen lugar dentro, pero tamén nas inmediacións do devandito local”.

Así, dende a xefatura do Corpo relátase como exemplo que, só entre os meses de marzo e xuño deste ano, a Policía Local levantou 23 actas de denuncia polo quebrantamento da Lei de Saúde de Galicia debido, entre outros motivos, á continua celebración de festas. Igualmente, a permisividade do titular contribuíu a que esta sexa escenario frecuente de delitos como o consumo de drogas, a comisión de roubos con violencia e reiteradas pelexas nas que se chegaron a empregar armas brancas - mesmo machetes de cociña - e botellas, que suman un total de 16 atestados da Policía Nacional.

“Como sexa que estas actitudes e infraccións son permanentes no tempo, así como a desobediencia que se promove nas mesmas ás forzas de seguridade e, ante o feito de que reverten en importantes consecuencias sociais que condicionan a calidade de vida e a tranquilidade da sociedade, dende a Administración Local non dubidamos en instar á clausura desta cafetería, en tanto supoñen un prexuízo xeral para a convivencia e a imaxe da cidade”, afirmou o tenente de alcaldesa e portavoz municipal, Miguel Fernández.

“Aqueles que entendan o beneficio empresarial dende un concepto tan desvirtuado coma este deben saber que nin ao Concello de Lugo nin á Policía Local lle tremerá o pulso para corrixir este tipo de condutas lesivas para todos os intereses”, advertiu Miguel Fernández ao tempo que sinalou que “afortunadamente se trata dun comportamento residual na hostalaría lucense, sempre exemplo de responsabilidade e calidade no servizo que dan”, concluíu o voceiro do goberno.

Audio

  • O edil da Área de Cohesión Territorial, Miguel Fernández, sobre a orde de peche de "La Barrica" | Descargar mp3

Noticias relacionadas