A Policía Local detecta a pasada tarde dous condutores guiando pola cidade sen carné

Martes, 12 de novembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Na tarde do día 11 de novembro de 2019, efectivos da Unidade Territorial da Policía de Barrio realizaron un “filtro de seguridade viaria” na Praza da Milagrosa, para evitar a circulación pola devandita zona peonil de vehículos sen autorización.

No transcurso deste control sorprendeuse a un individuo que conducía un turismo sen obter nunca o permiso, motivo polo cal se instrúen dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria, no que consta como investigado.

A esposa do condutor, que circulaba no automóbil, tamén é investigada como cooperadora necesaria, xa que se trata da titular do vehículo. Ademais, confeccionouse denuncia por facer caso omiso á sinalización. Tras a intervención policial, a esposa do condutor, que inicialmente circulaba como ocupante, fíxose cargo do turismo, xa que tiña permiso de conducir en regra.

Na mesma tarde, un indicativo policial pertencente á Unidade Territorial de Policía de Barrio observou como, na confluencia das rúas Alfredo Braña e Lamas de Prado, un automóbil facía caso omiso á luz vermella do semáforo para vehículos, motivo polo cal procederon a deter a súa marcha. Os axentes comprobaron que o condutor tamén carecía de permiso de conducir, xa que non o obtivera nunca, motivo polo cal se instruíron dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria, no que consta como investigado. A esposa do condutor, que circulaba no automóbil, tamén é investigada como cooperadora necesaria, xa que se trataba da titular do turismo.

Ademais, confeccionáronse denuncias por facer caso omiso á luz vermella do semáforo para vehículos e por circular sen ter concertado seguro obrigatorio. O automóbil foi inmobilizado, á espera de que se regularice esta situación e de que se faga cargo do mesmo algunha persoa habilitada.

Ámbolos dous condutores enfróntanse a unha pena de prisión de 3 a 6 meses ou a multa de 12 a 24 meses ou a traballos en beneficio da comunidade de 31 a 90 días.

Así mesmo, no transcurso destes operativos localizouse circulando un vehículo sobre o que pesa un mandamento de procura, captura e depósito por embargo, sendo trasladado polo guindastre ao Depósito Municipal onde queda PRECINTADO.

Catro accidentes na capital, con pequenos danos materiais, durante a tarde do luns

Por outra banda, a Unidade de Atestados da Policía Local de Lugo interveu na tarde do referido día en catro accidentes de circulación.

Un deles, por alcance na Estrada da Fonsagrada, nas inmediacións da ponte sobre a vía, do cal resultan danos materiais e unha persoa ferida, en principio de carácter leve.

Outro, na confluencia da Rolda das Mercedes con Paseo dos Estudantes, no que o vehículo que circula por Rolda cara a Fontiñas é embestido por outro, que pretende internarse no Paseo dos Estudantes e fai caso omiso á sinalización de STOP.

O terceiro, ocurrido en Juana a Tola, no que un vehículo causou danos a un sinal vertical e, por último, un accidente atendido por Policía de Barrio, na rúa García Abad, no que un vehículo, durante unha manobra de marcha atrás, choca co que lle sucedía.

Noticias relacionadas