As plantas potabilizadoras volven estar operativas logo de que se controlara o verquido de gasóleo que se produciu onte en Begonte

Luns, 07 de febreiro de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Esta mañá instaláronse sistemas anticontaminación para evitar que o verquido chegue ó río Ladra

Os Concelleiros de Protección da Comunidade e de Medio Ambiente informan que non hai risco ningún no consumo da auga da traída

Os Concelleiros de Protección da Comunidade, José Rábade, e de Medio Ambiente, Lino González Dopeso, informaron hoxe de que xa volven estar operativas as dúas plantas potabilizadoras nas que se trata a auga de Lugo. As dúas plantas quedaran paradas onte pola tarde ó producirse un verquido duns 11.000 litros de gasóleo nunha empresa de biodiesel situada no polígono de Begonte.

Os dous Concelleiros difundiron unha mensaxe de tranquilidade á poboación sobre o consumo de auga e explicaron .

José Rábade explicou que, tan pronto se soubo do suceso, onte pola tarde, o Concello de Lugo mobilizouse para impedir que o verquido chegara a afectar á auga da traída e púxose a disposición do Concello de Begonte.

Rábade salientou que o Concello de Begonte “actuou con dilixencia e rapidez” e explicou que “onte a última hora a situación estaba practicamente controlada e hoxe pola mañá a empresa Tragsa puxo barreiras no río Ladra para evitar que, de producirse algunha filtración, chegara as traídas de Rábade, Outeiro de Rei e finalmente a Lugo”.

Pola súa parte, o Concelleiro de Medio Ambiente manifestou que tan pronto se tivo coñecemento do verquido “mandamos parar as dúas plantas de captación de auga e instalamos barreiras anticontaminación nos puntos de captación”.

Lino González explicou ademais que non houbo risco de desabastecemento de auga porque os depósitos de Penarrubia, A Piringalla e O Ceao estaban cheos e “polo tanto non tiñamos problema para aguantar practicamente 24 horas sen tratar auga”.
González Dopeso comunicou que esta mañá estivo en contacto co responsable de verquidos da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, co responsable de medio ambiente da Xunta en Lugo e a delegada da empresa Tragsa e anunciou que a media mañá “retomamos lentamente a captación de auga sen quitar as barreiras, que se manteñen de maneira preventiva”, unha vez que “nos informaran de que no lugar do verquido están instalados os sistemas anticontaminación para impedir que chegue á lagoa e ó río Ladra”.

Multimedia

Noticias relacionadas