A pista de patinaxe sobre xeo da Praza Horta do Seminario recibiu a visita de medio milleiro de persoas en 15 días

Lara Méndez e Carmen Basadre visitaron este xoves as actividades organizadas polo Concello por primeira vez no Nadal neste lugar. Ademais da pista de xeo, inclúen un carrusel infantil, obradoiros, maxia e contacontos, entre outros

O sábado abrirá un mercado de Nadal, no que participarán 16 establecementos lucenses. Poderase visitar ata o 5 de xaneiro, de 12:00 a 14:30 e de 16:30 a 21:00 horas

Xoves, 17 de decembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, visitaron este xoves as actividades instaladas na Praza Horta do Seminario programadas polo Concello para o Nadal 2015-2016. Entre elas atópase un carrusel infantil e unha pista de xeo. Esta última xa recibiu a visita de medio milleiro de persoas dende a súa apertura hai quince días. Esta mañá acolleu unha xornada de portas abertas para os centros escolares, e o día 24 de decembro e o 12 de xaneiro haberá outras dirixidas ao público en xeral.

Durante a visita, a rexedora subliñou que este é o primeiro ano que o Concello organiza actividades lúdicas durante o Nadal na Praza Horta do Seminario, creando así un novo espazo para que todos os lucenses gocen destas datas. Neste senso, Méndez convidou “a todos os veciños e veciñas e aos visitantes a achegarse ata o centro de Lugo, onde poderán atopar gastronomía e actividades de lecer para todos os públicos”.

Pola súa banda, Carmen Basadre fixo fincapé na oportunidade que supón a instalación destas atividades na Praza Horta do Seminario para dinamizar esta zona da cidade.

Na visita tamén estivo presente o voceiro dos comerciantes desta praza, Ricardo Díaz Gesto, quen agradeceu a colaboración do Concello para poder celebrar un mercado de Nadal neste emprazamento, así como diferentes actividades, para as que a entidade local instalou unha carpa. Tal e como avanzou Díaz Gesto, haberá obradoiros para os máis pequenos da casa, espectáculos de maxia da man do Mago Rafa e do Mago Lolo, exhibicións de baile, a visita de Papa Nöel ou contacontos. Á Praza Horta do Seminario tamén se achegará o CD Lugo e o Cafés Candelas Breogán.

Por outra banda, a praza acollerá o mercado de Nadal, que abrirá as súas portas este sábado, ás 12:00 horas. Nesta feira participarán 16 postos de artesanía, alimentación ou arte floral como D.L.B. Akery, Corporel, La Creperia, Jamones Salvador, Queixería Praza do Campo, Pastelería Maceda, Courelor, Frutigal, Las Hierbas, Artesáns de Noces, Licores Celsa, Floristería Kenia, Pitiflus artesanos, Mila artesanos, Pan de Plata Artesanos e Churrería La Moderna, que permanecerán abertos ata o 5 de xaneiro. O mercado poderase visitar de 12:00 a 14:30 horas e de 16:30 a 21:00 horas, excepto o día 25 de decembro e 1 de xaneiro.

Noticias relacionadas