As piscinas de verán do Concello de Lugo incrementaron a asistencia nun 25% respecto ao ano anterior

Luns, 31 de agosto de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Deportes, José Manuel Díaz Grandío, presentou esta mañá o balance das actividades organizadas pola Concellería de Deportes durante os meses de verán.

O edil valorou positivamente a tempada veraniega das piscinas descubertas de Frigsa, que rexistraron un total de 13.195 usuarios durante os meses de xuño, xullo e agosto, fronte aos 10.500 do ano pasado. O mal tempo que caracterizou este verán obrigou a pechar as instalacións acuáticas un total de 10 días, fronte aos 8 do ano pasado.

Díaz Grandío explicou que: "a pesar do mal tempo, a media diaria de bañistas, que foi de 172 o que demostra que aos lucenses lles gusta cada vez máis gozar deste tipo de instalacións".

Os días da semana con máis asistencia foron de xoves a domingo, aínda que foi o martes 18 de agosto bateuse o récord de asistencia 688 usuarios, mentres en xullo foi o luns 20, con 595 bañistas.

Balance Escolas Deportivas de Verán
O Concelleiro realizou tamén un balance das Escolas Deportivas de Verán que mantiveron o nivel de participación do ano anterior cun total de 500 persoas nas distintas modalidades deportivas.

- En canto aos cursos de Piragüismo asistiron un total de 79 alumnos en xullo e agosto; o edil lembrou que os interesados en practicar este deporte aínda se poden inscribir no curso que se desenvolverá nas instalacións do Club Fluvial na primeira quincena de setembro e que conta xa con 15 persoas inscritas.

- Nos cursos de Tiro con Arco, contouse cun total de 44 alumnos.

- Os Campamentos do Concello contaron con 104 rapaces e rapazas asistentes. O obxectivo do Concello con estes campamentos era o de concienciar a vida laboral e familiar dos veciños e veciñas de Lugo.

- Campus de baloncesto, de fútbol e béisbol: con 220 nenos e nenas participantes.

Novos horarios
Díaz Grandío anunciou ademais que a partir de mañá, martes día 1 de setembro, a piscina municipal das Pedreiras abrirá cun novo horario, ofertando seis horas máis á semana como consecuencia das obras que se están a acometer na piscina de Frigsa. O horario de apertura será o seguinte:

- De luns a venres en horario continuo de 8:00 ás 23:00 horas.
- Sábados de 10:00 ás 14:00 horas e de 17:00 ás 20:00 horas.
- Domingos de 10:00 ás 14:00 horas.

Escolas deportivas 09-10
Por outra banda, o Concelleiro indicou que proximamente se presentarán as Escolas Deportivas que a súa Concellería ofertará para o vindeiro curso e que contarán con preto de 20 modalidades.

As inscricións terán lugar entre o 17 e o 30 de setembro na Concellería de Deportes sita no polideportivo da Casa do Deporte. Estas actividades comezarán o día 1 de outubro e contarán como novidade este ano, co novo campo de béisbol do Concello de Lugo.

Multimedia

Noticias relacionadas