Pechados os parques da Milagrosa e Rosalía de Castro debido á alerta amarela activada por vento e choiva

Suspendidos os concertos de Riobó, Treixadura e Cantigas e Agarimos na Praza Horta do Seminario e os fogos artificiais dende a rúa Poeta Noriega Varela debido ás fortes precipitacións

Luns, 05 de outubro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo informa de que dende última hora da mañá deste luns quedaron pechados ao público os parques da Milagrosa e Rosalía de Castro, como medida de prevención para garantir a seguridade cidadá ante a alerta amarela por choiva e vento con rachas de ata 80 quilómetros por hora que decretou a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior. O peche dos parques manterase ata mañá martes, aínda que poderá levantarse en función da evolución do fenómeno meteorolóxico adverso que afecta a toda a comunidade autónoma.

Así mesmo, o Concello informa de que, debido ás fortes precipitacións, suspendéronse os concertos de Riobó, Treixadura e Cantigas e Agarimos, previstos no marco das festas do San Froilán para esta tarde, a partir das 20.00 horas, na Praza Horta do Seminario. A actuación aprázase para outro día desta semana, do que o Concello informará unha vez concretada a data. Tamén se suspende a sesión de fogos artificiais desta noite dende a rúa Poeta Noriega Varela.

Incidencias

Ao longo da pasada noite e desta mañá, rexistráronse diversas incidencias na cidade por mor do exceso de auga na vía pública. Por exemplo, na avenida da Coruña, á altura do nº 77, e na rúa da Xesta nº 10, así como nos soportais da Praza Maior, pechados debido ao goteo de auga procedente dunha casa en obras á altura do nº 12. Ás 06:00 horas tivo que rescatarse un coche no Ceao debido á forte tromba de auga. Tamén se produciu o desprendemento da tela asfáltica da Calzada da Ponte e de pedras na rúa Concepción Arenal, á altura do número 12-14, polo que se procederá ao valado da zona. Tamén caeron polas no Paseo dos Robles e correntes de auga que arrastran barro na vía á altura da Volta da Viña.

Noticias relacionadas