A partir do luns non se poderá circular pola rúa Castelao en sentido baixada

Esta medida afectará ó percorrido das liñas de autobús 7A e 8 e a parada da rúa Castelao trasládase a Miguel de Cervantes

Venres, 09 de maio de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo comunica que a partir do luns, día 12, producirase un corte de tráfico na rúa Castelao en sentido baixada. Este corte de circulació é necesario para facilitar a execución de traballos de seguridade no inmoble número 23 da rúa Castelao.

A Policía Local contará a circulación pola rúa Castelao en sentido baixada, dende a Ronda da Muralla á escalinata da Estación a partir de primeira hora da mañá do luns.

Esta medida tomouna a Policía Local por razóns de seguridade, xa que está previsto que nese día comecen os traballos para asegurar o inmoble situado no número 23 da rúa Castelao, sobre o que pesa unha orde de execución ditada pola Concellería de Urbanismo e Medio Ambiente, que dirixe Luis Álvarez.

Para o luns está previsto o inicio de labores de desescombro do interior do edificio e, tendo en conta a configuración da rúa e a curva que fai, os técnicos da Policía Local consideraron necesario acotar a metade da rúa e a conseguinte supresión dun dos carrís de circulación como medida de seguridade.

Os traballos para asegurar o edificio deberán completarse coa demolición da parte posterior do inmoble e o arriostramento da fachada, para o que está previsto que a propiedade presente, tamén na semana próxima, o proxecto correspondente.

A Policía Local informa de que os residentes afectados por este corte de tráfico, que se prolongará aproximadamente durante dous meses, deberán empregar como itinerario alternativo a Ronda da Muralla-rúa Monforte-rúa Miguel de Cervantes.

O corte da circulación afectará a dúas liñas de autobuses urbanos, a 7A -que comunica o barrio das Gándaras- e a 8 -que vai ó Hospital Universitario Lucus Augusti. A parada do bus situada na rúa Castelao trasládase a partir do luns á rúa Miguel de Cervantes, concretamente no primeiro treito situado ó pasar a confluencia coa escalinata.

A Policía Local instalará a corresponden sinalización e cartelería para informar a todos os condutores e veciños destas alteracións que se van producir na circulación pola rúa Castelao.

Noticias relacionadas