Parabéns do Concello e da Deputación ao equipo feminino do Emevé, que sobe á Superliga 1

Lara Méndez e Darío Campos copresidiron a recepción ao club en agradecemento a este logro, "froito do seu continuo esforzo e traballo ao longo dos 365 días do ano"

A Alcaldesa e o Presidente coincidiron en subliñar o momento de ouro que atravesa o deporte lucense, pois con este é o segundo ascenso en apenas quince días dun equipo de Lugo á máxima categoría

Na recepeción tamén estivo o equipo masculino infantil, que se convertiu en días pasados en campión galego

Mércores, 25 de abril de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Parabéns do Concello e da Deputación ao equipo feminino do Emevé, que sobe á Superliga 1

O equipo feminino do Emevé recibiu este mércores o recoñemeneto do Concello e a Deputación de Lugo polo seu ascenso á Superliga 1, cunha recepción copresidida pola Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Presidente da Deputación, Darío Campos, no Salón de Plenos da Casa Consitorial.

No acto, no que tamén tamén estivo presente o Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, o Deputado de Deportes, Pablo Rivera, e outros membros da Corporación Municipal; así como a presidenta do club, Bibí Bouza, e o adestrador do equipo, José Valle; ademais doutros representantes da directiva e do equipo técnico; a rexedora agradeceulle ao Emevé este logro, que é froito do continuo esforzo e traballo do club ao longo dos 365 días o ano.

Nesta liña, Méndez amosou a ledicia polo momento de ouro que atravesa o deporte lucense, e o incremento de autoestima que supón para Lugo o ascenso do Emevé, pois con este é o segundo ascenso en apenas quince días dun equipo lucense á máxima categoría, tras facelo o Breogán; que supón ademais un acicate tanto para fomentar a práctica do deporte, referente para nenos e nenas, como para a promoción de Lugo.

Nesta liña insistiuo o Presidente da Deputación, quen subliñou que "son días de xúbilo para o deporte da nosa provincia e, dende o Goberno que presido, sentímonos tremendamente orgullosos de poder aportar o noso gran de area para a consecución destes triunfos. Así, somos a administración que máis colabora co CV Emevé, cunha achega anual de máis de 75.000 euros, e hoxe, moi especialmente, nos enorgullece poder estar ao seu carón, pois eles representan os máis firmes valores de constancia, traballo e superación, valores que compartimos e aplicamos no día a día. Ademais, xa se gañaron a súa condición de embaixadores da provincia, pois levan, con tremendo entusiasmo, o nome de Lugo por todo o territorio nacional. O Emeve é a referencia do voleibol da provincia, un clube que ten unha aposta decidida pola canteira, unha aposta que xa está a dar os seus froitos".

Na recepción tamén estivo o equipo masculino infantil, que se convertiu en días pasados en campión galego.

O Emevé feminino ascendeu a fin de semana pasada á Superliga 1 tras gañarlle ao Mallorca e derrotar o Elche ao Chamberí. Este club proclamouse campión da Copa Príncipe de voleibol en xaneiro, sendo a primeira vez que este equipo se facía coa copa da Superliga Masculina 2, e o equipo feminino conseguiu ser subcampión.

Noticias relacionadas