Os XXI Xogos Autonómicos de Natación Special Olympics, reunirán en Lugo a máis de 400 deportistas de Galicia

Miguel Fernández, Pablo Rivera, Eladio Fernández e José Reigosa presentaron esta proba, que se celebrará este sábado, 11 de novembro, na piscina municipal das Pedreiras

Xoves, 09 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Os XXI Xogos Autonómicos de Natación Special Olympics, reunirán en Lugo a máis de 400 deportistas de Galicia

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, xunto co Deputado de Deportes, Pablo Rivera, o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández, e o presidente de Aspnais, José Reigosa, presentaron este xoves no Salón de Plenos os XXI Xogos Autonómicos de Natación Special Olympics Galicia para persoas con discapacidade intelectual.

Esta competición, que contará con 400 nadadores que participarán nesta edición e dos que 111 serán da provincia de Lugo, celebrarase este sábado, 11 de novembro, na piscina municipal das Pedreiras. A inauguración da proba terá lugar ás 10:45 horas, estando prevista a súa clausura para as 19:00 horas nas mesmas instalacións.

Na presentación, Miguel Fernández agradeceu á organización deste evento “por permitirnos colaborar con estes xogos, que veñen dar continuidade aos xa disputados na nosa cidade, como o de baloncesto en novembro de 2015, a marcha ciclista unificada no mes de agosto do ano pasado, ou o Campionato Nacional de Probas Motrices no 2014”. Á presentación desta proba asistiron dous dos deportistas de Lugo, aos que o Concelleiro lles amosou o compromiso de seguir respaldando este tipo de iniciativas en anos vindeiros que axudan a salvar calquera tipo de barreiras a prol da integración.

Rivera Capón puxo en valor este tipo de iniciativas e felicitou a Special Olympics “por organizar estes xogos, que traballan para botar abaixo barreiras e obstáculos físicos e de prexuízos, que son as que realmente entorpecen a total integración.O espírito de colaboración e superación que, estou convencido, reinará nesta competición, fortalecerá aspectos tan importantes como a autorrealización e o recoñecemento propio”. O Goberno da Deputación colabora con este colectivo cunha achega económica de 8.000 euros para a celebración de actividades durante todo o ano.

Pola súa banda, José Reigosa agradeceu “tanto ao Concello como á Deputación pola colaboración permanente en apoio a este tipo de iniciativas tendentes á impulsar a convivencia e superación de todos e todas estas atletas”.

Para Eladio Fernández, e para os deportistas desta competición, “a máxima deste tipo de competicións é a de tratar de gañar, e se non se consegue, polo menos deixade que me esforce para poder conseguilo”.

Todos coincidiron en animar ao público en xeral a asistir ás probas e comprobar, de primeira man, o compañeirismo reinante así como gran nivel competitivo destes nadadores galegos.