Os veciños e veciñas do Sagrado Corazón plantexan á Alcaldesa as súas propostas para mellorar as liñas de bus ao seu paso polo barrio

Unha petición xeneralizada foi establecer unha ruta que una a zona co polígono das Gándaras, dado o aumento dos servizos que se está a producir, e co do Ceao, así como coas Termas

O vindeiro encontro de Móvete por Lugo terá lugar o martes, ás 20:00 horas, no centro Maruja Mallo. Xunto ás reunións, a cidadanía tamén pode participar a través de moveteporlugo@concellodelugo.org, www.lugo.gal, ou do 010

Venres, 29 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Os veciños e veciñas do Sagrado Corazón plantexan á Alcaldesa as súas propostas para mellorar as liñas de bus ao seu paso polo barrio

Os veciños e veciñas do Sagrado Corazón plantexaron este venres á Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, nun encontro celebrado no centro de convivencia do barrio as súas propostas para mellorar as liñas de buses ao seu paso pola zona, un encontro que forma parte da campaña emprendida polo Concello, Móvete por Lugo, a través da que a cidadanía lucense pode participar directamente no deseño do novo mapa de liñas de buses urbanos para adaptalo á realidade da cidade e das necesidades sociais.

Unha petición xeneralizada dos veciños do Sagrado Corazón que acudiron á xuntanza foi establecer unha ruta que una a zona co polígono industrial das Gándaras, dado o aumento de servizos que se está a producir no mesmo, e co do Ceao, así como coas Termas. Tamén se plantexou ampliar a liña 5, que acaba na Campiña, para que chegue ao HULA, e fixar unha parada da liña 14A na Campiña, así como aumentar a frecuencia da liña 7.

A preguntas dos asistentes, a Alcaldesa explicou que o novo contrato do transporte público de viaxeiros inclúe cinco buses adaptados para persoas con mobilidade reducida, e un microbús para chegar ás zonas ás que non pode acceder un vehículo de grandes dimensións. Tamén subliñou que unha das cuestións nas que incidirá o Concello será no cumprimento dos horarios, para que os buses pasen á hora prevista, nin antes nin despois, co fin de evitar trastornos aos pasaxeiros.

A raíz das xuntanzas que a rexedora xa mantivo cos veciños, avanzou tamén que se tratará de que os usuarios que teñan que facer transbordo para chegar ao seu destino porque non hai unha liña directa só paguen unha vez.

Esta é a cuarta xuntanza enmarcada dentro da campaña Móvete por Lugo, posta en marcha polo Concello para reorganizar de xeito global as liñas do bus urbano, aproveitando o novo contrato do transporte. Ademais desta ferramenta de participación, os lucenses poden achegar propostas a través do correo electrónico creado especificamente para esta campaña: moveteporlugo@concellodelugo.org, ou ben a través de www.lugo.gal, ou do Servizo de Atención Cidadá 010.

Tras a reunión deste venres no Sagrado Corazón, e logo de achegarse aos barrios da Abella, A Milagrosa e A Residencia, a Alcaldesa reunirase o vindeiro martes, 3 de maio, coa veciñanza de Fontiñas, no centro de convivencia Maruja Mallo, ás 20:00 horas. Lara Méndez tamén se achegará a Fingoi, A Piringalla e Garabolos, As Gándaras, A Ponte e o Ceao. O Concello informa de todas as reunións na web www.lugo.gal e nas redes sociais.

Noticias relacionadas