Os veciños de Lugo terán que elixir entre case 300 propostas para decidir cómo inviste o Concello medio millón de euros

O importe das propostas recibidas no proxecto LOOP é cinco veces máis que o presuposto dispoñible

Alomenos medio millar de persoas votaron polas áreas nas que prefiren que invista o Concello de Lugo

Martes, 17 de marzo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Desenvolvemento Local, que dirixe Rosana Rielo, amosa a súa satisfacción pola importante participación cidadá que se rexistra no novidoso proxecto Lugo Opina Orzamentos Participativos, posto en marcha polo Concello e a través do cal se vai decidir, por primeira vez, cómo se investirá unha partida dos Presupostos municipais para este ano por importe de 500.000 euros.

A falta de pechar definitivamente os datos, as propostas recibidas para o proxecto LOOP son 268. Estes datos son provisionais xa que o prazo pechouse onte pero aínda é posible que cheguen máis propostas no caso de que algunha fora presentada noutros rexistros públicos.

Simultáneamente coa presentación de propostas, os veciños e veciñas de Lugo puideron votar as áreas polas que teñen preferencia para realizar os investimentos municipais. A falta de cuantificar a totalidade das solicitudes presentadas polo Rexistro, que teñen que ser revisadas manualmente unha por unha para comprobar que non se producen duplicidades, nestes momentos disponse das puntuacións rexistradas automáticamente a través da páxina web, onde se recolleron 4.640 votos emitidos por 460 persoas.

Hai que lembrar que cada persoa participante neste proceso tiña a posibilidade de distribuir 10 puntos entre as seguintes áreas de xestión municipal: Benestar Social e Igualdade, Cultura e Promoción da língua, Turismo, Xuventude, Deportes, Emprendemento, Educación, Infraestruras, Seguridade vial, Medio rural, Participación cidadá e Serv izos Xerais, Mercado e comercio e, por último, Medio Ambiente.

Unha vez rematada a primeira fase do proxecto Lugo Opina Orzamentos Participativos, na mañá de hoxe os técnicos municipais responsables da execución do mesmo déronlle prioridade ó traballo de dar traslado a cada servizo das propostas que lle corresponderá informar, para poder axilizar no posible este importante trámite no que os técnicos municipais estudarán a viabilidade técnica e económica das propostas recibidas. Neste sentido, hai que ter en conta que algunhas destas propostas deberán ser informadas por varios servizos municipais pertencentes a distintas concellerías, como pode ser o caso da petición de que se realice algunha obra dunha infraestrura deportiva, por exemplo.

O Concello de Lugo agradece a implicación dos veciños e veciñas interesados na formulación de propostas para a cidade, ben de xeito particular ou ben a través dos distintos colectivos ou asociacións, e lembra que o proceso de participación non está pechado, xa que nunha próxima fase abrirase o proceso de votacións para decidir cales das ideas presentadas se levan a cabo xa que o importe das propostas recibidas é moi superior ó diñeiro dispoñible para executalas.

As contradicións do PP

Para o Goberno local é unha satisfacción que os veciños e veciñas de Lugo expresen a súa opinión libremente e non se deixen condicionar pola opinión dos agoreiros que un día se permiten acusar a cidadáns libres de deixarse manipular e, sen solución de continuidade, ó día seguinte os acusan de pasividade.

Nin os lucenses son tan manipulables como lle gustaría ó Partido Popular, senón que son cidadáns que exercen libremente os seus dereitos cando e como o desexan, nin o Goberno local ten afán ningún de facer electoralismo cun proxecto que só pretende darlle voz a quen queira facer propostas ou suxestións para mellorar a calidade de vida das persoas que vivimos en Lugo.

O Goberno local lamenta verse na obriga de lembrarlle ó Partido Popular de Lugo que son eles os especialistas en fracasos, adican, afortunadamente sen éxito ningún, o seu tempo e enerxía en tentar destruir todo canto supoña un avance ou modernización da nosa cidade e, en definitiva o que lle sucede ó PP de Castiñeira é que “os mortos que vós matades, gozan de boa saúde”.

Noticias relacionadas