Os veciños de Lugo poderán facer obras menores só con comunicarllo ó Concello

Xoves, 04 de abril de 2013
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a Ordenanza reguladora das comunicacións de obras menores

O Concello de Lugo dá un novo paso na simplificación dos trámites administrativos coa Ordenanza reguladora das comunicacións de obras menores que hoxe publica o Boletín Oficial da Provincia.

O obxectivo que se marcou a Concellería de Urbanismo, que dirixe Luis Álvarez, coa nova Ordenanza é facilitar ós cidadáns a realización das obras que, pola súa sinxeleza e simplicidade, non requiren de maiores comprobacións previas, nin ulteriores actuacións administrativas.

Esta simplificación de trámites persigue facilitar a iniciativa da cidadanía e axilizar os actos de intervención municipal, como xa fixo o Concello de Lugo, hai dous anos, coa supresión de licenza municipal de apertura de comercios, que foi substituída pola comunicación previa.

Coa entrada en vigor da nova norma municipal sobre a comunicación de obras menores, que se producirá no prazo de quince días contados a partir de mañá, crease un procedemento abreviado, e bastará coa presentación dunha solicitude no Concello, acompañada da documentación complementaria, para a realización de obras menores caracterizadas pola especial sinxeleza e simplicidade, agás algúns casos especiais como as obras que afecten a edificios catalogados no planeamento municipal ou que se situen no seu ámbito de protección.

A partir de agora, a comunicación ó Concello será o único trámite preciso para realizar aquelas obras que teñen a consideración de menores, pola súa sinxeleza técnica, escasa entidade construtiva e económica, que non supoñen alteración do volume, uso, nin das instalacións e servizos de uso común ou do número de vivendas e locais, e que non afecten ó deseño exterior, cimentación, estrutura ou condicións de habitabilidade ou seguridade dos edificios ou instalacións.

Desde tabiques ata valados ou pozos

Tal e como explica a Ordenanza, esta iniciativa supón que os veciños de Lugo poderán tramitar polo procedemento de comunicación ó Concello as seguintes obras:

1.- Acondicionamento total de local, con modificación da distribución interior, sen afectar a estrutura do edificio e ao subsolo.
2.- Acondicionamento parcial de locais en edificios con uso distinto a vivenda, sen afectar a estrutura do edificio.
3.- Obras no interior da vivenda que non modifiquen a distribución, nin afecten a estrutura.
4.- Supresión de tabique, obras de adecuación funcional na vivenda (protección contra a humidade, illamento térmico e acústico) e instalacións en vivenda.
5.- Pintado, reparación e impermeabilización de fachadas, medianeiras, patios, terrazas e balcóns. (Excepto no ámbito do Plan especial de protección, rehabilitación e reforma interior do recinto amurallado).
6.- Substitución e colocación de carpintería exterior. (Excepto no ámbito do Plan especial de protección, rehabilitación e reforma interior do recinto amurallado).
7.- Reparación e/ou substitución de elementos e instalacións comúns do edificio (ascensores, caldeiras, equipos de bombeo, escaleiras, portais, porteiros automáticos, etc.) sen afección estrutural.
8.- Instalación de baixantes, canlóns e antenas (excepto de telefonía móbil), sen afección estrutural.
9.- Substitución e reparación do material de cubrición das cubertas, sen afección estrutural.
10.- Instalación de novos elementos publicitarios en locais comerciais (rótulos, toldos, bandeirolas, etc.).(Excepto no ámbito do Plan especial de protección, rehabilitación e reforma interior do recinto amurallado).
11.- Instalación e construción de valados, peches de parcelas e soares. (Excepto nos núcleos rurais nos que exista peche tradicional. )
12.- Pozos de auga e foxas sépticas.
13.- Limpeza, roza e nivelación de soares e parcelas, sempre que non altere o nivel natural do terreo nin afecte a ningún uso ou instalación pública.
14.- Axardinamentos, pavimentación, implantación de bordo e instalacións necesarias para o uso ou conservación de espazos libres de dominio privado sempre que non afecte a usos, servizos ou instalacións públicas.

Excepcións

Quedan excluídas da tramitación comunicada aquelas obras que, aínda sendo de escasa entidade, afecten ós edificios catalogados no planeamento municipal ou se sitúen no seu ámbito de protección, aquelas que requiran autorización ou informe doutras administracións, salvo que a autorización se aporte coa comunicación, e tamén se exclúen as que supoñan un uso privativo de dominio público e as que precisen da excepción das condicións de habitabilidade.

A Ordenanza pode ser consultada na páxina web do Concello www.lugo.es

Noticias relacionadas