Os servizos técnicos do Concello e da Xunta avalan o proxecto do Vello Cárcere

Mércores, 08 de outubro de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

 O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, lembrou hoxe que o proxecto de creación do Centro Cultural do Vello Cárcere, que está en fase moi avanzada de construcción, conta con todos os parabéns dos técnicos que velan polo cumprimento da legalidade urbanística e do patrimonio cultural, é dicir, ten o respaldo dos servizos técnicos municipais e, tamén, o dos técnicos da Consellería de Cultura que teñen a responsabilidade e a obriga de velar polo Patrimonio.

Luis Álvarez censurou a sorprendente estratexia do Partido Popular de poñer en entredito a legalidade dun proxecto que ten o respaldo dos expertos municipais e autonómicos en Urbanismo e Patrimonio. 
O Voceiro do Goberno local lembrou que, no seu día, os técnicos da Consellería de Cultura determinaron que “a intervención proposta mantén as proporcións e sinais de identidade do edificio” do Vello Cárcere.
Luis Álvarez deu estas explicacións durante a rolda de prensa posterior á reunión da Xunta de Goberno Local e tamén anunciou a celebración, esta tarde dunha xuntanza con familiares de usuarios do Centro de día Antonio Gandoy na que o Concello porá a súa disposición canta información precisen sobre o funcionamento desta instalación municipal e recollerá calqueira inquietude que, se fora o caso, desexen prantexar.  
 Acordos en materia de persoal
A Xunta de Goberno Local autorizou hoxe as bases de dous procesos selectivos para a cobertura interina de prazas de educador/a social e de sepultureiro/a. Nos dous casos, o sistema de selección terá dúas fases. No caso das prazas de educador/a social haberá unha fase de oposición a través de dous exercizos, un teórido e outro práctico, ademais doutra fase na que se fará un baremo de méritos. Na convocatoria de sepultureiro/a haberá unha proba teórica e outra práctica.
Tamén lle deu o visto e prace a Xunta de Goberno á proposta de servizos extraordinarios para os reforzos na Policía Local durante as festas patronais de San Froilán. Concretamente, están previstos un total de 358 reforzos durante 10 días, que se producirán en función das necesidades dos distintos espectáculos e da afluencia de persoas ós mesmos.  
 Servizos Sociais
En materia de Servizos Sociais, o Goberno local aprobou hoxe a baixada das rendas ós inquilinos das vivendas do programa de erradicación do chabolismo. A baixada será dun 0,8%  e prodúcese ó actualizar a renda segundo o evolución do Índice Nacional de Vivenda en Aluguer. 
Esta medida afecta ós contratos de alugamento para uso de vivenda con opción de compra, propiedade municipal, ó abeiro do Convenio de colaboración entre o Concello de Lugo e a Consellería de Vivenda e Solo para a adquisición de 15 vivendas no Programa de erradicación do chabolismo.
Outros acordos
O Concello tamén aprobou a incautación da garantía definitiva, no importe de 55.392 euros, depositada pola empresa adxudicataria das obras de construción do Edificio dotacional destinado á Policía Local e Protección Civil. Esta decisión vén motivada polo incumprimento do prazo total de execución ofertado pola empresa adxudicataria da obra, que debe responder das penalidades, a razón de 636,69 euros diarios. 
O acordo que tomara no seu día o Concello de imposición destas penalidades fora recorrido pola empresa pero a Seccción Segunda da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou unha sentenza o pasado 12 de xuño na que lle deu a razón ó Concello de Lugo. 
O Goberno local tamén acordou sacar a licitación a autorización de 29 máquinas automáticas expendedoras de bebidas frías, quentes e produtos non perecedeiros nos edificios e instalacións municipais, logo da renuncia por parte da empresa que resultara adxudicataria no seu día. A distribución de máquinas farase do seguinte xeito: 2 no Edificio Administrativo, 2 na Policía Local, 2 na Casa da Xuventude, 1 na Casa das Linguas, 1 no Centro de Convivencia Maruja Mallo, 1 no Centro de Convivencia María Balteira, 2 no CEI-NODUS, 1 no Parque de Bombeiros, 2 no MIHL, 2 nas Piscinas de Verán, 2 no Campo de Fútbol Luis Gorgoso, 1 no Campo nas Pistas de Tenis, 2 na Casa do Deporte, 2 no Campo de Fútbol das Gándaras, 2 no Polideportivo do Pombal, 2 no Pavillón Municipal e 2 no Polideportivo Daniel Cordido. O canon mínimo de explotación anual ascende a un total de 3.970 euros ao ano.

Multimedia

Noticias relacionadas