Os servizos sociais do Concello atenderon a máis de 5.100 persoas entre axuda e xantar no fogar, centros de día e Fogar do Transeúnte

Ana González Abelleira deu conta este venres no Consello Local de Servizos Sociais das actuacións levadas a cabo dende a súa área ao longo do ano 2016

Ademais, o pasado ano tramitáronse máis de 1.500 axudas de emerxencia social e púxose en marcha a iniciativa Implica2 no meu barrio

Venres, 24 de febreiro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Os servizos sociais do Concello atenderon a máis de 5.100 persoas entre axuda e xantar no fogar, centros de día e Fogar do Transeúnte

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, deu conta este venres do Consello Local de Servizos Sociais, que se celebrou esta mañá no Salón de Plenos, das actuacións levadas a cabo dende a súa área ao longo do ano 2016. Deste xeito, a edil fixo un repaso ás actuacións en diferentes eidos. Polo que respecta ao servizo de axuda no fogar, foron 467 as persoas usuarias, investindo o Concello neste servizo preto de 2 millóns de euros.

No referente ao Fogar do Transeúnte, máis de 3.900 persoas pasaron a noite nestas instalacións que ofrecen, de xeito gratuíto, aloxamento e alimentación a persoas en desvantaxe social, entregando xantar e cea.

Sobre os centros de día, González Abelleira indicou que se atenderon un total de 101 persoas, tanto a través do Centro de Día Antonio Gandoy, como das prazas concertadas pola propia entidade local. Nesta prestación o Concello investiu preto de 470.000 euros para o mantemento destas prazas para as persoas maiores que o precisan.

No que se refire ao programa de Xantar no Fogar, repartíronse máis 16.900 menús ao longo do ano pasado, para o que foi necesario un investimento de máis de 70.000 euros. Este servizo tivo unha media de 56 persoas usuarias ao mes, é dicir, máis de 670 ao ano, que recibiron un menú completo que leva xantar e cea.

Os servizos sociais do Concello tamén tramitaron un total de 1.505 emerxencias sociais municipais, que supuxeron un investimento de máis de 225.992 euros, Preto dun 70% das persoas usuarias de emerxencia social son mulleres. Máis do 70% do gasto total está relacionado co aluguer, seguidos dos gastos dedicados ao mantemento das vivendas –auga ou gas-, gastos de alimentación e médicos, así como gastos de comedores. Este tipo de accións serven para axudar en momentos puntuais a familias ou persoas que precisan cubrir algunha das súas necesidades básicas e non teñan posibilidades económicas.

A Concelleira tamén falou sobre a posta en marcha do innovador proxecto Implica2 no meu barrio, que pretende mellorar a educación en convivencia entre os mozos e mozas dos barrios de Fermín Rivera, Abella e Milagrosa.

Propostas ao Consello

No Consello Local de Servizos Sociais, os colectivos sociais tamén explicaron a necesidade de que o Concello mantivera as subvencións nominativas e a cesións de locais nas Casas Clara Campoamor e María Mariño, cuxas bases de aprobaron na Xunta de Goberno do pasado mércores, ademais de destacar a transversalidade no importante traballo realizado entre a entidade local e as distintas entidades.

Tamén houbo propostas para formular á mesa de traballo para coordinación e atención das persoas sen teito, tal e como se acordara polo Pleno do Concello de Lugo, coa intención de que sexa un foro máis participativo e, deste xeito, dar resposta as necesidades reais existentes en cada momento.

Noticias relacionadas