Os Reis Magos chegarán a Lugo a tarde do 5 de xaneiro acompañados por unicornios, robots luminosos e sorpresas

O Concello ten previsto un plan de tráfico para que este evento salga á perfección e sexa o broche de ouro ás máis de 60 actividades de lecer de Nadal organizadas pola entidade local

Venres, 29 de decembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

As Maxestades dos Meis Magos de Oriente chegarán o venres, 5 de xaneiro, a Lugo, e percorrerán a cidade dende o Parque da Milagrosa ata a Praza Maior, en tres carrozas, acompañados de pasarrúas e espectáculos de animación.

Así o avanzou este venres a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen adiantou que a comitiva partirá ás 18:15 horas.

Os Reis Magos visitarán a cidade xunto con animais como unicornios ou robots luminosos. Tamén haberá pasarrúas e animación, coa participación de distintas agrupacións de tambores e gaitas, entre outras sorpresas, para facer desta xornada un día lúdico e festivo, especialmente dirixida aos nenos e nenas.

Para que este tradicional evento salga á perfección e sexa o broche de ouro ás máis e 60 actividades de lecer de Nadal organizadas pola entidade local, o Concello ten preparado un plan de seguridade. A comitiva pecorrerá a rúa Monte Faro, a Avenida da Coruña, a Porta de San Fernando, a Praza de Ferrol, a rúa Bolaño Rivadeneira, a rúa Quiroga Ballesteros, a Praza de Santo Domingo, a rúa Raíña e finalizarán na Praza Maior, onde está prevista a súa chegada a partir das 19:00 horas. Serán recibidos pola Alcaldesa, Lara Méndez, acompañada por outros membros da Corporación Municipal, que darán a benvida a Melchor, Gaspar e Baltasar antes de subir ao balcón, dende o que se dirixirán a todas as persoas presentes na praza. Para finalizar, recibirán a todos os nenos e nenas que queiran trasladarlles as súas peticións.

A entidade local ten previsto un plan de tráfico, establecendo que en todos os casos o tránsito das carrozas e da comitiva polas distintas vías fará que a circulación de vehículos no momento do seu paso, se considere pechada ao tráfico, polo que por parte da Policía Local, acompañada de Protección Civil, realizaranse os correspondentes acompañamentos, cortes de tráfico e desvíos alternativos polas rúas adxacentes.

Audio

Noticias relacionadas