Os produtos típicos de Entroido e os bailes populares animarán a tradicional Feira de Nadela

Xoves, 24 de xaneiro de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, presentou xunto aos representantes da organización, Manuel González e Antonio “Nadela”, a Feira do Entroido de Nadela que organiza a Asociación Carballeira de Nadela en colaboración co Concello de Lugo.

Esta feira terá lugar o domingo 27 de xaneiro desde ás 9:00 horas. Unha carpa instalada na carballeira de Nadela albergará os postos de venta ao público, que son gratuítos para todos os comerciantes que queiran participar. O obxectivo desta feira é promocionar os produtos de horta e cortello dos agricultores e os gandeiros da comarca.

Os asistentes poderán adquirir queixos variados como o de San Simón ou o do Cebreiro, verduras, ovos ou produtos típicos do Entroido como a carne de porco e doces tradicionais.

Un membro da Corporación Municipal será o encargado de inaugurar a feira ás 13:00 horas, despois da lectura do pregón que este ano lle corresponde a Francisco Rivera. O público que se achegue gozará dunha degustación gratuíta de viño do país acompañado por unha tapa de Entroido.

O Concello de Lugo pon a disposición de todos os lucenses interesados en asistir un servizo gratuíto de autobuses con saída desde ás 9:00 e ata ás 15:00 horas desde a avenida de Ramón Ferreiro, diante do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes.

Noticias relacionadas