Os participantes no Cumio Internacional de Lugo buscarán decisións tanto técnicas como políticas sobre o tratamento das drogas

Martes, 20 de abril de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Un dos obxectivos é mellorar a capacidade dos servizos locais para o tratamento das persoas drogodependentes

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Concelleira de Benestar Social, Carmen Basadre, o Secretario Executivo da Comisión Interamericana para o control do Abuso de Drogas da OEA, James F. Mack, e a Xefa de Redución da Demanda do mesmo organismo, Anna Chisman, mantiveron esta mañá un almorzo informativo previo ao Cumio Internacional de Alcaldes, Alcaldesas e Cidades sobre Drogas que terá lugar esta semana na cidade.

O Alcalde de Lugo salientou a importancia de que os Concellos traballen unidos na loita pola saúde dos veciños e amosou a súa confianza en que tralo Cumio de Lugo se sumen máis Concellos a esta rede.

O Secretario Executivo da Comisión Interamericana para o control do Abuso de Drogas da OEA, James F. Mack indicou que este cumio ten como afán mellorar a capacidade dos servizos locais cara as persoas con drogodependencias. "Hai que conseguir que o mundo entenda que se trata dunha enfermidade que debe tratarse con éxito, polo que é necesario que os que sofren estas enfermidades reciban un tratamento adecuado onde residen". Neste cumio un bo número de grupos técnicos e políticos únense para analizar os servizos que hai que ofrecer á cidadanía.
 
Pola súa banda, a Xefa de Redución da Demanda do mesmo organismo, Anna Chisman, indicou que nestes tres días de traballo trataranse de tomar decisións tanto técnicas como políticas sobre o tratamento das drogas. Chisman destacou que nos últimos tempos medrou o consumo da cocaína en Europa, o que supón un reto para os médicos de países europeos que estaban máis afeitos a tratar o consumo da marihuana e da heroína.

Chisman resaltou a participación da Alcaldesa do municipio haitiano de Pétionville, Claire Lydie Parent, que presentará en Lugo a situación na que se atopa a cidade dende o terremoto que devastou o país en xaneiro.

Ademais a responsable da OEA anunciou que neste cumio vaise presentar un libro sobre o tratamento das adiccións baixo supervisión xudicial como alternativa á prisión para delincuentes drogodependentes. “É o primeiro libro sobre este tema a nivel internacional e vaise repartir no cumio de Lugo”, indicou. Tamén declarou que “aínda que non é unha receita máxica para todos os infractores, nos que se inscriben voluntariamente nestes tratamentos os índices de éxito son bastante convincentes”.

Repercusión na cidade
O Alcalde sinalou, ademais, que este evento vai ter unha importante repercusión económica na cidade. No encontro van participar máis de 200 persoas e a organización calcula que o impacto económico do encontro será de alomenos 400.000 euros. A ocupación hoteleira ronda o 100% nalgúns dos establecementos da cidade, sendo o número de habitacións ocupadas durante estes días é dunhas 250.

Tamén informou o Alcalde de que ao redor de 30 persoas inscritas non poderán acudir finalmente ao Cumio por mor dos problemas no tráfico aéreo en Europa. Despois das xestións feitas ó longo da mañá, conseguiuse que puideran voar finalmente os participantes de Bélxica e de Letonia. Ata ese momento, a delegación procedente de Bélxica, xestionaba facer a viaxe por estrada debido a suspensión dos vós. O Concello está en permanente contacto coas delegacións afectadas polos problemas do tráfico aéreo.

López Orozco deu lectura, neste encontro informativo, a dous escritos enviados polo secretario xeral da OEA, Miguel Insulza, e o presidente da Comisión Europea, Durao Barroso.

http://www.cumbrelugo.org

Multimedia

Noticias relacionadas