Os participantes do YOUNG LAB reúnense en Tábua para continuar na senda de idear fórmulas comúns ao desemprego xuvenil

Lugo, Tábua e Florencia conforman este proxecto liderado polo Concello e financiado no marco do programa europeo Erasmus+, no que participan uns 50 mozos entre 16 e 30 anos

Domingo, 22 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Os participantes do YONG LAB reúnense en Tábua para continuar na senda de idear fórmulas comúns ao desemprego xuvenil

Os participantes do proxecto YOUNG LAB, impulsado polo Concello de Lugo e financiado no marco do programa europeo Erasmus+, reuníronse no municipio portugués de Tábua para continuar na senda de idear fórmulas contra o desemprego xuvenil, un 43% en Galicia, porcentaxe que duplica á media europea.

Lugo, Tábua -Portugal- e Florencia –Italia-  conforman este proxecto que tivo o seu primeiro encontro en Lugo na primeira semana de maio e na que participan uns 50 mozos entre 16 e 30 anos. Trátase dunha iniciativa a través da cal o Concello quere crear un espazo de encontro, de diálogo e de participación que perdure no tempo e que permita atopar solucións compartidas a temas de interese local.

Esta é a segunda fase do proxecto, na que tivo lugar un debate sobre as recomendacións para que os mozos e mozas atopen emprego, baseado nas conferencias que tiveron lugar e que versaron sobre o emprendemento e a creatividade. A terceira das fases terá lugar os días 16 e 17 de xuño en Florencia, onde se elaborará un documento final con fórmulas para combater a problemática do desemprego xuvenil, co obxectivo de que sexa empregado polas institucións e organizacións participantes. Lugo acollerá de novo a cuarta e última fase, o 30 de xuño e 1 de xullo.

Noticias relacionadas