Os orzamentos participativos traen a Lugo o I Torneo Internacional de Xadrez

O Concello organiza este campionato, no que se darán cita uns 80 xogadores de máis de cinco países, que se celebrará do 13 ao 15 de novembro no Centro Xuvenil Lug 2

Paralelamente a este campionato, levarase a cabo un torneo para a canteira lucense, o I Torneo Escola San Froilán, que terá lugar o 14 de novembro a partir das 16:30 horas nestas mesmas instalacións

Martes, 10 de novembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Cartel I Torneo Internacional de Xadrez

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, avanzou este martes a celebración do I Torneo Internacional San Froilán de Xadrez, que organiza o Concello do 13 ao 15 de novembro, en resposta ás peticións nos Orzamentos Participativos. “Coa organización deste torneo seguimos a dar resposta ás demandas que nos fixeron os veciños e veciñas nos Orzamentos Participativos”, subliñou Basadre. Deste xeito, o Concello continúa a executar os 59 proxectos solicitados polos lucenses, que contan cunha dotación económica de 500.000 euros.

Basadre subliñou a importancia deste tipo de eventos para os amantes do xadrez e manifestou o apoio do Concello a este deporte, “complementario con calquera outra actividade física e que serve ademais como método de mellor das capacidades cognitivas”.

O Centro Xuvenil Lug 2 acollerá o I Torneo Internacional San Froilán de Xadrez, que reunirá en Lugo a uns 80 xogadores de máis de cinco países. O campionanto, que será válido para a Federación Internacional de Xadrez (FIDE), xogarase en sistema suízo e todos os participates disputarán cinco rondas. Para cada partida, os xogadores disporán de noventa minutos. Para poder xogar o torneo, os xogadores deberán estar federados. As rondas disputaranse o venres, 13 de novembro, ás 17:00 horas, o sábado, 14, ás 10:00 e 17:00 e, finalmente o domingo 15, ás 10:00 e 16:00 horas.

I Torneo Escola San Froilán

Paralelamente ao I Torneo Internacional San Froilán de Xadrez levarase a cabo un torneo para a canteira lucense, o I Torneo Escola San Froilán. Este torneo terá lugar o 14 de novembro a partir das 16:30 horas nas mesmas instalacións que o Internacional de xadrez. Xogaranse tamén cinco rondas, que se dividirá nas seguintes categorías, sub 8, sub 10, 12, 14 e 16 e familiares.

Todos os interesados en participar en calquera destes dous torneos poden inscribirse de xeito gratuíto en xaquedrum@gmail.com

Audio

  • Carmen Basadre, sobre o I Torneo Internacional de Xadrez |Descargar mp3

Multimedia

  • Cartel I Torneo Escola San Froilán

Noticias relacionadas