Os Orzamentos Participativos do Goberno acondicionan a aula de apoio escolar do Castiñeiro, que empregan a diario 32 nenos e nenas

O Goberno acomete estas actuacións de mellora, cun orzamento de 14.000€, co obxecto de que os cativos e cativas usuarias poidan gozar dunhas instalacións máis adecuadas e eficientes, ao tempo que se lle aporta funcionalidade ao local

Repararase unha goteira, instalaranse sitemas de climatización, reformarase a instalación eléctrica, renovarase o falso teito, substituirase un vidro, a porta traseira e as ventás e pintarase

Mércores, 16 de xaneiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, anunciou unhas novas tarefas  de acondicionamento que están en marcha na cidade, con cargo aos Orzamentos Participativos que activou o Goberno. Trátase da mellora da aula de apoio escolar do Castiñeiro, que xestiona o Servizo de Prevención de Drogodepenencias do Concello, cun orzamento duns 14.000 euros.

O Goberno acomete estas actuacións co obxecto de que os  nenos e nenas usuarias poidan gozar dunhas instalacións máis adecuadas e eficientes. Para elo, o Concello leva a cabo os seguintes traballos: reparación dunha goteira, instalación de sistemas de climatización de calefacción e frío, reforma da instalación eléctrica para adecuala á demanda do novo sistema de climatización, renovación do falso teito e do seu illamento, substitución dun vidro en mal estado, substitución da porta traseira en mal estado, reparación e substitución de ventás e pintura. 

Deste xeito, o Goberno continúa a executar os proxectos dos Orzamentos Participativos, neste caso atendendo ás demandas que facilitarán o día a día dos máis pequenos e pequenas. Ademais, con estas obras mellórase a funcionalidade do local, que empregan a diario 32 nenos e nenas de primaria.

Audio

Noticias relacionadas