Os Orzamentos municipais máis investidores da última década entrarán en vigor a vindeira semana

A Alcaldesa avanzou que a Comisión de Contas abordará este xoves as alegacións presentadas ao documento e o Pleno para a súa aprobación definitiva terá lugar o martes 17, tras o que o presuposto poderá comezar a executarse ao día seguinte da súa publicación no BOP

Martes, 10 de abril de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, avanzou este martes que os Orzamentos elaborados polo Goberno, que con 95,3M€ son os máis investidores da última década, entrarán en vigor a vindeira semana. A Comisión de Contas, convocada onte, abordará este xoves as alegacións presentadas ao documento e a Corporación reunirase en sesión extraordinaria dous días hábiles despois, isto é, o martes 17, para o debate das mesmas e a aprobación definitiva do presuposto, que poderá comezar a executarse ao día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP), previsiblemente a finais da semana que vén.

En base aos informes técnicos elaborados polos servizos municipais de Intervención e Secretaría, que a oposición ten á súa disposición dende onte, o Goberno propón inadmitir ou desestimar todas as alegacións aos Orzamentos, presentadas pola CIG, CSIF, CC.OO., Ágora e un militante de Ciudadanos, a excepción da relativa á eliminación dos postos non ocupados e orzamentados na plantilla sen reflexo na relación de postos de traballo, alegación que formularon Ágora, CSIF, CC.OO. e o militante de Ciudadanos, e que o Goberno propón admitir.

A Alcaldesa mostrou a “satisfacción” do Goberno por “contar por fin cuns orzamentos que redundarán beneficiosamente no conxunto da cidadanía porque nos permitirán impulsar o desenvolvemento da cidade, mover a economía, crear emprego e atender as demandas dos veciños, ademais de cumprir os propios acordos tomados polo Pleno”.

Lara Méndez reiterou, “como dixemos moitas veces, que ao ser seis grupos políticos na Corporación, habería seis orzamentos diferentes, mesmo se hoxe o Goberno volvese a facer o presuposto seguramente cambiaría algo ou incluiría unha necesidade nova”, pero isto “non significa que non haxa actuacións importantes con demanda social e consesuados no Pleno”. Neste senso, a rexedora deixou en evidencia as contradiccións da oposición: “Non pode ser que, por unha banda, se estean solicitando Pleno tras Pleno actuacións importantes que se aproban por unanimidade, e, ao mesmo tempo, por outra, que á hora de dotar esas actuacións de orzamento para poder executalas a resposta sexa no, sen máis, o non polo non”.

“A pesar dos atrancos da oposición”, recalcou Méndez, a vindeira semana “teremos un orzamento que nos permitirá materializar investimentos como os ascensores do Sagrado Corazón e Fontiñas, o plan de barrios ou o plan de mellora da mobilidade do casco histórico”. Así mesmo, explicou que este mes se aprobará a liquidación do exercizo do 2017, que permitirá executar os investimentos vinculados á modificación de crédito aprobada o pasado ano, como os parques disuasorios, a peonalización da praza da Milagrosa e da rúa Quiroga Ballesteros, ou a eliminación do tapón urbanístico da Avenida da Coruña”.

Noticias relacionadas