Os lucenses aforrarán o ano que vén 630.000 euros pola conxelación de tarifas de 30 tributos municipais

Venres, 29 de outubro de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, anunciou hoxe que o Goberno local non subirá nin un euro máis de 30 impostos, taxas e prezos públicos para o ano 2011. Isto significa que non se pagará máis polo Imposto de Bens Inmobles ou o IVTM (vehículos), que son os tributos que lle máis custan aos lucenses, tampouco polas Plusvalías, o Imposto de Actividades Económicas e o imposto sobre construcións.

É o segundo ano consecutivo que se conxelan todos os tributos locais e o cuarto que se conxelan o IBI e o IVTM, que son os máis importantes. Con esta medida, os lucenses aforrarán en 2011 orredor de 630.000 euros pola conxelación dos tributos ó non aplicarlles o IPC.

O ano que vén, o Goberno local só ten previsto actualizar as taxas da auga e do lixo, derivadas da mellora no servizo, segundo explicou a Concelleira de Economía, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada polo Concelleiro de Medio Ambiente e Zona Rural, Lino González Dopeso, e que se celebrou logo dunha reunión que mantiveron cos grupos políticos do Concello.

No primeiro caso, a suba será dun 5% que supón 11 céntimos ó mes polos sumidoiros e 16 céntimos no concepto de subministro para a maioría das familias, que teñen un consumo de 15 metros cúbicos.

A Concelleira explicou que as novas instalacións da potabilizadora que lle garante a Lugo auga de calidade para as próximas décadas conleva un maior custo no servizo, pero o Goberno local “non quere repercutir integramente nun só ano este importante investimento, senón facelo gradualmente e de xeito progresivo, de maneira que non teña que pagar unha soa xeneración todo o seu custo “.

No caso do lixo, a suba será do 1,8%, que suporá 12 céntimos ó mes, e vén motivada por cuestións alleas ó Concello: a actualización do IPC, o IVE e o aumento da taxa de Sogama que lle cobra a Xunta ó Concello, explicou a Concelleira de Economía.

Desde Goberno local, explicou Sonia Méndez “non consideramos oportuno gravar ás familias e ás empresas nestes tempos de dificultades económicas, por iso tamén se manteñen todas as bonificacións establecidas nestes anos, bonificacións sociais e bonificacións que favorecen a creación de emprego na nosa cidade”. O Concello de Lugo ten establecidas bonificacións en distintos tributos:

LICENCIAS:
- para rehabilitación
- instalación de ascensor e calefacción en edificios de máis de 15 anos
- pintura e tratamento de fachadas e elementos externos
- escavacións arqueolóxicas
- accesibilidade
- instalacións enerxía solar

IVTM:
- Antigos
- Ps discapacidade
- Ecolóxicos

PLUSVALÍAS
- Vivenda habitual con motivo de falecemento

IBI:
- Familias numerosas
- Vivendas protección oficial

IAE:
- Incremento plantilla

Tampouco subirán as taxas pola prestación de servizos do Concello. Nin sequera subirán o IPC interanual de preto de 2 euros. Os lucenses non pagarán máis pola licenzas urbanísticas, licenzas de apertura, sistema ORA, CEI…

Ademais, explicou a Concelleira de Economía, “temos especial interese en non subir as taxas por servizos sociais como a axuda no fogar, centros de día, garderías infantís ou escolas deportivas.

Multimedia

Noticias relacionadas