Os libros saen á Praza Maior ata domingo para conmemorar o Día das Letras Galegas

Un total de 10 stands forman a oferta da 34ª edición da Feira do Libro de Lugo, que estará aberta de 11:30 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:00 horas. Ademais, haberá unha trintena de actividades lúdicas

Martes, 17 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Os libros saen á Praza Maior ata domingo para conmemorar o Día das Letras Galegas

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, o Vicepresidente da Federación de Libreiros de Galicia, Xosé Antón, o Deputado de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico, Artesanía e Deseño e Normalización Lingüística, Xosé Ferreiro, e o Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, inauguraron este domingo a 34ª edición da Feira do Libro de Lugo, que acollerá a Praza Maior ata o 22 de maio, de 11:30 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:00 horas, agás a fin de semana, que en xornada de mañá pechará ás 14:30 horas. Ademais, tamén haberá unha trintena de actividades ao redor desta feira, como presentacións de libros, obradoiros, conferencias, música ou contacontos. Tamén haberá un concurso de relatos, unha gravación sobre recomendacións de lecturas, unha exposición de debuxos e un concurso de tapas.

Durante o acto de apertura da feira, ao que tamén asistiron outros membros da Corporación Municipal, Carmen Basadre convidou á sociedade a comprar libros e a ler na nosa lingua, a ler en galego.

O escritor Xerardo Quintiá foi o encargado de ler o pregón inaugural, que baixo o nome A chave do mundo, reflexionou sobre o uso e a hospitalidade da lingua galega, ao tempo que se referiu á figura de Manuel María, a quen se lle dedican hoxe o Día das Letras Galegas.

Un total de 10 postos forman a oferta cultural da 34 edición da Feira do Libro, 7 deles de Lugo. Este evento conta ademais cun programa formado por unha trintena de actividades dirixidas a un público de todas as idades, como contacontos, presentacións de libros, música, talleres, coloquios e mesas redondas, entre outros.

As librerías participantes son Libraría Aguirre, Biblos, Cartabón, El Faro de los Tres Mundos, Cato Neghro, La Voz de la Verdad, Pedreira, Totem e Trama. A Deputación de Lugo tamén instalará unha caseta. Haberá un 10% de descontos en todos os libros.

Multimedia

  • Os libros saen á Praza Maior ata domingo para conmemorar o Día das Letras Galegas

Noticias relacionadas