Os espíritos de Forges e Paulo Fabio Maximo sobrevoarán mañá o Festival da Retranca

A Carpa das Letras Retranqueiras instálase na Praza Maior este martes, xornada na que o artista perversionista Luis Nieto inaugura exposición no MIHL

Os escritores Fernado Schwartz e Manuel Avilés repasarán no Museo Interactivo da Historia a Transición española e mesmo falarán de Franco, alguén “de quen non cansan” de rexoubaren

Luns, 06 de abril de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A figura de Paulo Fabio Maximus, insigne fundador da cidade de Lugo, volverá mañá martes día 7 a morar entre nós, os (lugueses) vivos. O mestre do humor intelixente, Antonio Fraguas, Forges, entregaralle o I Premio Post Mortem do Festival da Retranca; honra dupla para o romano, sen dúbida. Tanto o premiado como o premiador, no entanto, escusaron a súa presenza física no acto, polo que a concesión do galardón será feita mediante videoconferencia. As bases do premio Post Mortem esixen que o candidato sexa, ademais de alguén relevante para a cidade da muralla, un finado; requisitos que, segundo xulgou a organización, Paulo Fabio Maximus encarna coma ninguén.

O acto de entrega do premio a Paulo Fabio está previsto para as 21,30 horas, por videoconferencia, no Museo Interactivo da Historia (parque da Milagrosa). Forges, que por motivos persoais non poderá asistir ao acto, non quixo perderse a oportunidade e confirmou que participará en espírito.

O Post Mortem, aínda importante de vez, será só unha das citas desta segunda xeira retranqueira.

Previamente, ás 20 horas, e baixo o título de “Años de tormenta en la Transición”, os escritores Fernando Schwartz e Manuel Avilés preguntaranse e reflexionarán de par sobre ese capítulo da historia española.

As letras con maiúsculas vivirán este martes unha festa rachada. A Carpa das Letras Retranqueiras abre tamén mañá, na mesmísima Praza Maior. As librarías comprometéronse a levaren ata a Carpa das Letras obras de todos os convidados ao Festival, de tal xeito que, día a día, os participantes poidan asinarlles exemplares a aqueles lectores que llelo soliciten.

A Carpa das Letras Retranqueiras permanecerá diante do Concello ata o domingo, se ben ata o venres o seu horario será vespertino, en concreto, de 17 horas a 21 horas; namentres que a fin de semana se fará matutino, o sábado de 10 a 14 horas, e o domingo, de 11 a 14 horas.

A oferta retranqueira do 7 rematará ás 21,45 horas coa inauguración, igualmente no MIHL, da exposición retrospectiva do artista do Perversionismo Luis Nieto, “un talento desbocado e nada doado de amarrar”.

A Concellaría de Cultura, promotora do festival, habilitou un servizo de bus completamente de balde para facilitar os desprazamentos aos eventos que se desenvolven no MIHL. É unha liña de transporte que parte acotío ás 19,30 horas dende o campus universitario (diante da Facultade de Humanidades) e ás 19,45 horas dende a Ronda da Muralla (edificio sindical), e co regreso previsto para as 22,15 horas.

Convidados
martes 7 de abril

Fernando Schwartz e Manuel Avilés Son un tándem de escritores, aínda que a súa escrita sexa moi diferente. Schwartz foi embaixador e voceiro do Goberno para Asuntos Exteriores. Retirouse do servizo diplomático para integrarse no consello editorial do diario El País. Foi editorialista dese xornal, profesor, director de comunicación e voceiro do grupo PRISA. Entre 1995 e 2004 co-dirixiu e co-presentou o magacín cotián “Lo más Plus” de Canal Plus, faceta que o fixo tremendamente popular. É autor de obras como “La conspiración del Golfo”, coa que foi finalista do Premio Planeta 1982; “La reina de Serbia” (1993) ou “El desencuentro”, novela pola que ao cabo obtivo el Planeta en 1996.

Manuel Avilés é escritor e criminólogo, unha combinación disque moi literaria. Profesor da súa materia e conferenciante, percorreu medio mundo para ensinar e falar de criminalidade, terrorismo e xestión de cárceres. Materias desta índole están tamén no feixe de libros que escribiu en colaboración con fiscais, maxistrados e psiquiatras, sobre as enfermidades mentais, a criminalidade organizada ou o terrorismo integrista. É autor de novelas como “Un testigo incómodo” e a novela histórica sobre a posguerra, “El Metralla. Andanzas de un sublevado” que vén presentar a Lugo durante a semana da Retranca.

Luis Nieto é un artista audiovisual, cuxa obra abrangue a realización de vídeoclips, curtametraxes, publicidade e sobre todo, performances, dentro da corrente denominada perversionismo. Trátase dun movemento que realiza creacións artísticas que irmandan o surrealismo máis irreverente cos medios tecnolóxicos. É, en definitiva, unha visión sarcástica da arte e claramente humorística. O MIHL acollerá durante a semana do Festival unha retrospectiva deste artista que, a bo seguro, xerará ríos de díxomes.

Noticias relacionadas