Os Entre Mulleres distinguen mañá a 2 mulleres con forza: as activistas Paula Fraga e Kristal Ramírez e tamén á Comisión de Igualdade da Politécnica

O acto terá lugar mañá ás 12:00 horas no Salón de Plenos da Casa Consitorial e estará presidido pola Alcaldesa de Lugo e a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión

Xoves, 07 de marzo de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Os premios Entre Mulleres que outorga cada ano o Concello de Lugo dende o ano 2002 coincidindo co Día Internacional da Muller distinguen nesta edición a 2 mulleres con forza: as activistas Paula Fraga e Kristal Ramírez. Tamén recollerá este premio a Comisión de Igualdade da Politécnica Superior de Lugo. O acto terá lugar mañá ás 12:00 horas no Salón de Plenos da Casa Consitorial e estará presidido pola Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira.

O Concello premia a Paula Fraga, activista feminista que apoia a totalidade das reivindicacións feministas. Sen embargo decidiu centrar o seu esforzo na abolición da prostitución, por entender esta como unha forma de escravitude e de violenica brutal contra as mulleres e nenas. Pola súa banda, Kristal Ramírez será distinguida polo seu activismo en busca dos dereitos do colectivo LGTBIQA+.

A Comisión de Igualdade da EPS de Enxeñaría recollerá o premio por facer visible o labor das mulleres na enxeñaría. Esta comisión creouse en 2017 e entre as súas competencias destacan: concienciar e sensibilizar á comunidade da Escola en materia de igualdade, xénero, diversidade afectivo-sexual e non-discriminación, promover e apoiar iniciativas que busquen a igualdade e apoiar á comunidade universitaria na actuación ante situacións de acoso por razón de sexo, de orientación sexual e de identidade de xénero trasladando ás autoridades competentes dentro da Universidade os casos que cheguen ao seu coñecemento. Componse de 12 profesoras e profesores do centro, representantes do alumnado e do PAS.

Noticias relacionadas