Os edís de Gobernanza e Urbanismo piden maior rigor ao PP na súa labor de fiscalización ao goberno

Paula Alvarellos aclara que no que vai de ano só se executaron ao redor da metade das 3.300 horas extraordinarias que se autorizaron en previsión das necesidades dos distintos servizos municipais.

Miguel Couto reduce a 81 días o prazo de concesión de licenzas para a instalación de ascensores dende que os particulares subsanan as deficiencias de documentación técnica requirida

Venres, 11 de outubro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Os edís de Gobernanza e Urbanismo piden maior rigor ao PP na súa labor de fiscalización ao goberno

Paula Alvarellos e Miguel Couto, comparecían esta mañá en rolda de prensa para clarificar os datos reais relativos ás horas extraordinarias realizadas polo persoal do Concello de Lugo e os prazos de concesión de licenzas de ascensores, logo das falsidades que, ao respecto, trasladou en días pasados o Partido Popular.

A concelleira de Gobernanza amosou o seu estupor polo “descoñecemento absoluto” que o grupo da oposición evidenciaba sobre a tramitación das horas extraordinarias ao referir que se levaban acumuladas máis de 3.300 horas nos sete primeiros meses do ano.

“O que están é autorizadas en función da previsión que, cun mes de antelación, debe comunicar cada servizo para recoller as necesidades que contempla, segundo a súa carga de traballo. Un informe que debe pasarse a contabilidade, para consignalas, que logo se fiscaliza dende a intervención e que posteriormente se autoriza vía decreto. Sen embargo esto non asegura que finalmente sexa preciso empregalas na súa totalidade e, en todo caso, aquelas que se efectivicen deberán ser acreditadas mediante certificado polo xefe de servizo xustificando cando, por que motivo se utilizaron e se con elas se supera a xornada ordinaria do traballador”, explicou Paula Alvarellos.

A edil aproveitou a súa intervención para anunciar tamén que todas as horas extraordinarias realizadas en anos anteriores, e que estaban debidamente argumentadas, foran xa abonadas sen que, en ningún caso chegaran a superar os topes, establecidos ao efecto, polo Pleno da Corporación para os respectivos exercicios.

“Do mesmo xeito resulta inaudito escoitar as críticas da oposición sobre o funcionamento da administración local e que logo censuren que se fornezan determinados departamentos, en momentos moi concretos, para dar saída ao traballo acumulado. Aludían ás horas dos ordenanzas ou de informática, cando por exemplo, neste último caso, nos atopamos en pleno proceso de modernización dixital”.

Pola súa banda, o edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, lamentou a instrumentalización que o Partido Popular fixo, en días pasados, dos datos sobre a concesión de licenzas de ascensores.

“Xa non se trata de que todas as cifras sexan interpretables senón máis ben dunha vontade de querer sesgar a información para trasladar unha mensaxe partidista e afastada da realidade”, indicou o concelleiro.

“Así, onde eles din que se outorgaron 24 licenzas no que vai de 2019, foron 31. E 14 delas, concretamente se tramitaron nos últimos tres meses cando se puxeron en marcha algunhas melloras na xestión administrativa”. 

“Outra das omisións intencionadas por parte do Grupo Municipal do PP é, por exemplo, que desas 31 licenzas, 28 se presentaron con deficiencias na documentación técnica. É dicir, que o 90’32% das solicitudes precisaron a subsanación de deficiencias por parte dos particulares. Ademais, deses 31 expedientes, houbo 27 que necesitaron dun recoñecemento de excepción de habitabilidade, un trámite previo imprescindible que esixe de maior tramitación e que inevitablemente alonga o procedemento xa que, sen el, non sería posible o outorgamento da licenza”, referiu Miguel Couto.

O responsable de Urbanismo acusou, igualmente, ao Partido Popular de terxiversar os datos e clarificou que, aínda que puido haber algunha licencia que se dilatou no tempo, a resolución dos casos chegou nunha media de 81 días “se o que se contabiliza non é a data na que se rexistra a petición, senón na que se subsanan todos os erros de documentación. Un promedio que baixa até os 61 días dende que se decreta a excepcionalidade, é dicir, por debaixo do prazo de tres meses establecido.”

Miguel Couto remataba a súa intervención afeando o comportamento do grupo da oposición. “Cando minte desta maneira o que traslada publicamente é que o persoal deste Concello non traballa, que non tramita e que non cumpre co seu cometido e nada máis lonxe da realidade. Os procesos administrativos son complexos, esixen de moitos requirimentos que, moitas veces, os particulares descoñecen e que, polo tanto, enlentecen a concesión ata que se corrixen todas as deficiencias. Así que, por responsabilidade, lle pedimos ao Partido Popular que deixe de alamar e de retorcer as informacións na procura de titulares”, concluíu o edil.

Audios

  • O concelleiro de Urbanismo Sostible, MIguel Couto, sobre as licenzas dos ascensores | Descargar mp3
  • A concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, sobre as horas extraordinarias | Descargar mp3

Noticias relacionadas