Os días 22 e 23 de abril o MIHL acolle o 13º Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC

Nesta cita coa danza universitaria participan catro compañías de Santiago e Lugo e por primeira vez a compañía “O 3 Sorriso” formado por maiores de 50 anos

Xoves, 16 de abril de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Presentación do 13º Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, o Deputado da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro Iglesias, a Vicerreitora de Servizos do Campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, e o Director do Espazo de Danza da USC, Juan Carlos Zahera, presentaron esta mañá  o 13º Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC.

Este foro artístico, pioneiro en Galicia e tamén dos máis lonxevos do panorama universitario español, congregará os días 22 e 23 de abril na caixa negra do Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) catro compañías de danza nacidas do Espazo de Danza da USC nos campus de Lugo e de Santiago (DanzaUSCompostela, DanzaUSCLugo, Lembranzas e O 3º Sorriso), que presentarán distintas producións propias segundo explicou Carmen Basadre. As entradas para esta actividade son gratuitas e o límite ata completar aforo.

A compañía ‘O 3º Sorriso’, unha formación de nova creación resultante do curso de danza creativa incluído na oferta formativa do IV Ciclo no campus de Lugo, abrirá o 22 de abril, a partir das 20.30 horas, o programa de representacións con Sen vergoña, con coreografía de Rosa Acuña. A continuación, a compañía de danza da USC en COMPOSTELA presenta Mentres tanto, un segundo e a primeira xornada finaliza coa posta en escena do Clic, da man dos tres integrantes da compañía de danza da USC en LUGO.

O xoves 24 as actuacións comezan coa Compañía Independente de danza da USC- Lembranzas que executará Cruce de camiños ás 20.30 e seguirá das actuacións da compañía de danza da USC en COMPOSTELA co traballo Mentres tanto, un segundo e finaliza coa posta en escena do Clic, da man dos tres integrantes da compañía de danza da USC en LUGO, tal e como explicou Juan Carlos Zahera.

Trátase dunha actividade incluída na programación cultural financiada ao abeiro do convenio LUGO CULTURAL, do que na actualidade forman parte o Concello de Lugo, a Deputación Provincial de Lugo e a Universidade de Santiago de Compostela, e que chega este ano á súa décima terceira edición caracterizándose por unha marcada aposta por darlle visibilidade ao traballo propio, unha produción cada vez maior e de probada calidade.

+ info

  • Programa do 13º Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC | Descargar pdf

Noticias relacionadas