Os colectivos de inmigrantes fortalecen lazos e envían unha mensaxe de paz, solidariedade e tolerancia no primeiro encontro Pazificar

A Alcaldesa subliñou o espírito integrador do Concello e da propia cidade, “na que convivimos persoas de 89 nacionalidades distintas”

Martes, 29 de decembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua impulsou o primeiro encontro Pazificar, un acto intercultural de convivencia celebrado este martes no Salón de Plenos no que os colectivos de inmigrantes da cidade fortaleceron lazos de unión e comunicación entre si e co propio Concello, e lanzaron unha mensaxe de paz, solidariedade e tolerancia.

“Este é o primeiro paso dunha senda na que temos que avanzar, pois quizais traballamos moito coas asociacións e colectivos de inmigrantes a nivel individual, pero falta máis interrelación para impulsar actividades conxuntas”, subliñou a Alcaldesa, Lara Méndez, que participou no encontro xunto coa concelleira de Cultura, Carmen Basadre, a de Benestar Social, Ana González Abelleira, e o voceiro municipal, Miguel Fernández, entre outros membros da Corporación.

“Todos sodes lucenses, dende o primeiro día que chegastes a Lugo ata o final da vida”, sinalou a rexedora para recalcar o espírito integrador da administración local e da propia cidade, na que “convivimos persoas de 89 nacionalidades distintas”. Lara Méndez agradeceu o traballo da comunidade inmigrante e a súa contribución “a paliar a grave crise demográfica que vivimos”. “Galicia é emigrante e aló a onde vamos os galegos queremos conservar a nosa cultura, por iso entendemos perfectamente que vós desexedes preservar a vosa alí onde esteades”, afirmou.

No encontro interviron representantes das asociacións de inmigrantes de Perú, Arxentina, Uruguai, Marrocos e Senegal, que agradeceron a organización do encontro porque reforza a comunicación entre si e co Concello, e dálles a oportunidade de expoñer as súas necesidades e problemas. Destacaron a acollida que tiveron en Lugo, unha cidade que moitos viron “crecer y transformarse”, sendo conscientes de que “siempre hay gente buena y gente mala en todas partes”, ademais de lanzar unha mensaxe de paz, solidariedade e tolerancia: “Venimos a trabajar y ayudar a nuestras familias, no a quitarle el trabajo a nadie”. Neste senso, tamén puxeron sobre a mesa a necesidade de loitar contra os prexuízos existentes hacia a comunidade musulmana e árabe: “Ser musulmán es paz y estabilidad, no es igual a terrorismo”.

Noticias relacionadas