Os Centros de Dinamización Social do rural acollen actividades de lecer saudable e de aprendizaxe de novas habilidades

Ana Abelleira e Miguel Fernández visitaron este mércores o centro de Sáa, onde unha ducia de veciñas de máis de 65 anos desta parroquia acuden a clases de ximnasia todos os xoves á tarde

Xoves, 03 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Os Centros de Dinamización Social do rural acollen actividades de lecer saudable e de aprendizaxe de novas habilidades

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, e o Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, visitaron este mércores o Centro de Dinamización Rural de Santiago de Sáa, onde unha ducia de veciñas de máis de 65 anos desta parroquia acuden a clases de ximnasia todos os xoves á tarde.

Trátase dunha actividade enmarcada dentro da programación de Animación Sociocultural do Concello, que a día de hoxe ofrece, ademais de actividades de ximnasia, obradoiros de cociña, talleres de memoria e manualidades e labores nos 7 centros de dinamización social do rural, cunha media de 10 participantes cada actividade. Así, no de Calde realízanse talleres de memoria todos os mércores de 17:00 a 18:30 horas, no de San Xoán do Campo e en Rubiás teñen lugar obradoiros de manualidade e labores os luns de 16:30 a 18:30 horas e de 18:00 a 20:00 horas, respectivamente, e no de Santa Comba obradoiros de cociña os sábados de 19:00 a 21:00 horas. Tamén veñen de rematar actividades de ximansia e manualidades en Rubiás, manualidades en Coeses e San Xoán do Campo, de Taichi e ximnasia en Santa Comba e ximnasia en Santa María de Bóveda.

Durante a visita, González Abelleira mostrouse orgullosa do éxito das actividades e en concreto da de ximnaisa en Sáa, onde o 100% das alumnas son mulleres. “Pretendemos ofrecer unha alternativa aos veciños e veciñas, tanto dos barrios da cidade como das parroquias, que queiran optar polo ocio saudable e a aprendizaxe de novas habilidades para ocupar o seu tempo de lecer”, subliñou Abelleira, quen manifestou a vontade do Equipo de Goberno de seguir apostando polo benestar social, “ao que está dedicado o 21% da nosa proposta de orzamento para o exercicio 2016”.
Por outra banda, Fernández insistiu na aposta do Concello polo medio rural. “Coa organización destas actividades nas parroquias lucenses, contribuímos a enriquecer a convivencias nas nosas parroquias”, subliñou o edil.

Outras actividades nas escolas do rural

O Concello de Lugo ten tamén programadas actividades nas escolas de Adai, Benade, Bocamaos, Meilán e Pías, onde actualmente se están levando a cabo sesións de aerobic, encaixe de palillos, manualidades, pilates e bioximnasia, respectivamente. Nos últimos días, veñen de rematar actividades de manualidades, así como taichi e ximnasia.

Multimedia

  • Os Centros de Dinamización Social do rural acollen actividades de lecer saudable e de aprendizaxe de novas habilidades

Noticias relacionadas