Os campos de fútbol municipais de Frigsa e A Cheda cambian de céspede para a nova tempada grazas ao Concello e Deputación

A Xunta de Goberno aprobou este mércores os proxectos valorados en 265.000 e 235.000 euros respectivamente para a renovación do céspede actual, cunha vida de máis de 10 anos, pasando por eles unha media de 500 persoas ao día

Adxudicado o programa Aprende Xogando por 129.800 euros, co obxecto de favorecer as actividades que permiten aos pais e nais a conciliación da vida laboral e familiar

Mércores, 21 de marzo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno deste mércores vén de aprobar os proxectos para dotar de novo céspede artificial aos campos de fútbol de Frigsa e A Cheda, unhas actuacións que son posibles grazas a un convenio conxunto impulsado polos Gobernos do Concello e a Deputación.

A entidade local e a provincial mellorarán con 265.000 euros o campo de fútbol de Frigsa e con 235.000 o da Cheda cunhas tarefas que consisten na substitución do pavimento de céspede artifical actualmente existente no terreo de xogo dos campos, aproveitando a infraestrutura existente, e mediante un sistema de retirada sustentable por medios mecánicos con aproveitamento de recheos.

Os traballos, que estarán listos para o comezo da nova tempada, consisten, tal e como explicou o Voceiro Municipal e Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández; no desmonte, retirada e provisión en obra de equipamento deportivo (porterías fútbol 11 e 7) para a súa posterior instalación. Antes de proceder a colocación do novo sistema de céspede artificial, procederase á limpeza da superficie de aglomerado asfáltico, e verificarase a correcta planeidad da mesma, procedendo á reparación dos defectos ou bultos. Posteriormente, unha vez verificados os correctos estados, instalarase o sistema de céspede artificial de base elástica, composta de escuma de poliolefina reticulada de célula pechada dun mínimo de 10 mm. de espesor, cunha absorción de impacto mínima do 33 % e deformación vertical de 6,9mm; impermeable e acanalada pola súa banda inferior e densidade mínima 50 kg/m2, ou equivalente.

Tras a aprobación dos proxectos, procederase á súa sinatura e á contratación dos traballos, cos que Concello e Deputación responden a unha demanda dos e das deportistas, posto que os céspedes actuais non se renovan dende hai máis de 10 anos, pasando por eles unha media de 500 persoas ao día. O prazo de execución das obras é dun mes e medio, contado a aptrir do día seguinte á sinatura da acta de replanteo.

Aprende Xogando

Na sesión deste mércores, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación do programa de intervención e pedagóxico Aprende Xogando, -as ociotecas dos centros Maruja Mallo e Uxío Novoneyra, e da nave de vías e obras do Parque da Milagrosa-  co obxecto de continuar co desenvolvemento de actividades que permiten aos pais e nais a conciliación da vida laboral e familiar, á A Billarda S.L, por un importe de 129.800 euros para a primeira anualidade.

Con este programa o Concello promove o desenvolvemento cognitivo, psicomotor, afectivo e social dos cativos e cativas nun espazo lúdico, así como o impulso da súa imaxinación e creatividade a través de xogos. Ademais, favorécese a comunicación, o traballo en equipo e o respeto. As persoas destinatarias deste programa serán nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, empadroados no municipio. Terán prioridade no acceso as fillas e fillos de mulleres vítimas de violencia de xénero, así como de pais ou nais con cargas familiares non compartidas, con persoas dependentes ao seu cargo ou que traballen ou estean a formarse.

Haberá 8 monitores e monitoras a xornada completa ao longo das vacacións escolares, 4 a xornada media de tarde durante 9 meses e 4 en xornada media como reforzo en verán e nadal, para os centros de Lamas de Prado e María Balteira. Deste xeito, o horario das ociotecas é, no período lectivo, das 16:00 ás 20:30 horas, e nas vacacións escolares tamén en horario de mañá, das 09:00 ás 14:00 horas.

Outros asuntos

Entre outros asuntos, deuse luz verde á prórroga do contrato entre o Concello e Dimoda Fermonti S.L. para o servizo de mantemento do equipamento informático dos postos de traballo da entidade local, ata marzo do 2019, por 34.100 euros.

Así mesmo, deuse conta da listaxe de reclamacións e suxestións presentadas no Concello de Lugo dende o derradeiro informe, o día 18 de xaneiro de 2018. Neste período recibíronse 12 reclamacións e 2 suxestións, que responden ás áreas de Cultura, Atención Cidadá, Transportes, Enxeñaría, Arquivo, Deportes, Policía Local e Gabinete de Tráfico.

A Xunta de Goberno tamén resolveu definitivamente o expediente de reclamación de danos e perdas con motivo da resolución da autorización para a ocupación de dominico público coa instalación de casetas número 1 e 3 e caldeiros de polbo 1 e 3, por falta de pagamento en prazo da taxa ofertada a Bruxa Consulting S.L., cun prexuízo de 79.972 euros.

Audio

Noticias relacionadas