Os bombeiros de Lugo fórmanse no manexo de produtos químicos e no uso seguro de motoserras e desbrozadoras

Lara Méndez visitou aos participantes deste curso, que terá lugar en xornada de mañá ata o mércores. Está impartido por monitores especializados en riscos laborais de Mugatra

Luns, 25 de setembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Os bombeiros de Lugo fórmanse no manexo de produtos químicos e no uso seguro de motoserras e desbrozadoras

Os bombeiros de Lugo fórmanse estes días no manexo de produtos químicos e no uso seguro de motoserras e desbrozadoras. A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, visitou ao longo da mañá aos participantes deste curso, que arrincou ás 09:30 horas e se porlongará ao longo de toda a mañá, durante o día de hoxe, mañá martes e o mércores.

O coñecemento dos riscos e medidas preventivas do uso tanto de produtos químicos como da desbrozadora e da motoserra son fundamentais para a protección tanto das vidas das persoas accidentadas pero tamén dos propios bombeiros, explicou a rexedora na visita, na que tamén fixo fincapé na importancia que ten para o Goberno constante ampliación e actualización de coñecemento destes profesionais, cuxa preparación é vital, pois coa formación que gañan os bombeiros, a cidadanía gaña en seguridade.

Durante a visita, a Alcaldesa avanzou  o compromiso do Goberno Municipal con este serivzo, no que investiu nos dous anos de mandato mái de 1,5 millóns de euros. Así mesmo, indicou que se traballa para sacar a concurso 12  prazas (pertencentes á oferta de emprego público do 2015 e 2016) antes de que remate o ano. As bases xa están elaboradas, e estanse ultimando os trámites administrativos para convocar estas prazas de bombeiros.

A formación é impartida por monitores especializados de riscos laborais de Mugatra, que explicarán aos profesionais as medidas preventivas no uso de produtos químicos, o seu almacenamento ou os equipos de protección individual necesarios durante o manexo destes produtos. Así mesmo a utilización e os riscos derivados do uso da desbrozadora e da motoserra, as técnicas do seu uso, elementos de seguridade, contacto, exposición ao ruído, entre outros. Este curso súmase a outras actividades formativas realizadas polos bombeiros nos últimos dous anos: rescates en altura ou sistemas de seguridade ferroviaria.

Noticias relacionadas