Os Bolechas educan en igualdade aos nenos e nenas lucenses nun conto editado polo Concello

As famosas personaxes infantís protagonizan un libro no que, durante un paseo por lugares emblemáticos da cidade durante as festas de San Froilán, desmontan estereotipos sexistas moi enraizados socialmente. Repartiranse 2.500 exemplares en centros de todo o municipio

A Alcaldesa presentou esta nova iniciativa acción para a educación en  igualdade, eido no que traballa o Goberno de maneira “transversal e constante” porque é unha ferramenta fundamental para acadar unha sociedade xusta e libre de violencia machista

O Concello presentou os resultados do Programa Socioeducativo de Prevención da Violencia de Xénero que desenvolveu nos IES da cidade: participaron uns 600 alumnos e alumnas lucenses, o dobre dos que cursaron en toda Galicia a asignatura optativa sobre igualdade implantada pola Xunta

Martes, 08 de maio de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Os Bolechas educan en igualdade aos nenos e nenas lucenses nun conto editado polo Concello

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, a directora da biblioteca municipal, Tesi Pena, e a pedagoga da Casa da Muller, Belén Regueiro, presentaron este martes unha nova iniciativa do Concello en favor da educación en igualdade dos nenos e nenas lucenses: a edición dun libro guía protagonizado polos Bolechas.

As famosas personaxes infantís, creadas polo debuxante e guionista Pepe Carreiro, viven durante un paseo por distintos puntos emblemáticos da cidade con motivo das festas do San Froilán unha experiencia na que se van desmontando estereotipos sexistas moi enraizados na sociedade. Os Bolechas mostran, por exemplo, que non hai xoguetes nin cores para a roupa de nena ou neno, que os bebés poden coidalos igual os homes que as mulleres ou que mulleres e homes teñen que cooperar nas tarefas da casa.

A rexedora subliñou que este conto, titulado Os Bolechas van a Lugo, “é un recursos educativo moi atractivo e ameno, co que conseguimos o dobre obxectivo de educar en igualdade, e, ao mesmo tempo, poñer en valor a nosa cidade, pois os Bolechas van paseando pola Praza Maior, Campo Castelo, o Parque Rosalía de Castro, a Ponte Romana, O Vello Cárcere, a Casa da Muller ou a Biblioteca Municipal”.

O Concello editou 2.500 exemplares deste libro-guía, que distribuirá na propia Biblioteca municipal, as ociotecas, o centro de convivencia de Fingoi, a Casa das Linguas, o centro María Balteira, as escolas infantís, Vello Cárcere, os 14 colexios públicos do municipio, as dúas escolas infantís de titularidade autonómica, así como a Biblioteca Provincial, o servizo de Pediatría do HULA, ou asociacións infantís de discapacidade.

A publicación de Os Bolechas van a Lugo é unha nova iniciativa do Concello en favor da educación en igualdade, eido no que o Goberno traballa “de maneira transversal e constante” porque é unha ferramenta fundamental para “avanzar cara a unha sociedade xusta, igualitaria e libre de violencia machista”.

Prevención da violencia de xénero

Coincidindo coa presentación do conto infantil, o Concello tamén deu a coñecer os resultados e conclusións doutra iniciativa, un Programa Socioeducativo de Prevención da Violencia de Xénero nos institutos de Lugo, que desenvolveu durante este curso escolar, e no que participaron uns 600 alumnos e alumnas dos IES Leiras Pulpeiro, Lucus Augusti, Muralla Romana e Xoán Montes.

Trátase dun programa con dúas vertentes:

  • Unha de investigación, que permitiu coñecer a percepción real que ten a mocidade lucense en idade adolescente da violencia de xénero
  • E outra de formación, con contidos baseados precisamente nesa percepción detectada, ofrecidos nos propios institutos para dotar aos mozos e mozas dos recursos persoais necesarios para a construción dunha identidade non sexista e de relacións igualitarias.

A Alcaldesa subliñou que os resultados desta investigación “poñen de manifesto a necesidade, ou máis ben urxencia, de implantar no sistema educativo unha asignatura obrigatoria en materia de igualdade e contra a violencia de xénero. De feito, así o propuxemos xa a finais do ano pasado no seo do Foro de Igualdade”.

Méndez aludiu tan só a dous datos reveladores, referidos ao grupo de rapaces e rapazas de 12 anos (1º da ESO) que participaron no programa do Concello: máis da metade das rapazas pensan que en xeral está ben que sexa a parella quen tome decisións polos dous; e máis da metade dos mozos entende que o amor implica a compracencia total.

A día de hoxe, explicou a rexedora, existe unha materia optativa de libre configuración sobre igualdade de xénero, pero “cunha baixísima participación”. De feito, indicou, “no último curso só a fixeron 359 alumnos e alumnas en toda Galicia. É dicir, o Concello de Lugo, con este Programa de Prevención, chegou ao dobre de rapaces e rapazas só en Lugo que a Xunta con esa asignatura optativa en toda Galicia”.

Audio

Noticias relacionadas