Os beneficiarios do programa do Concello, Conserva Lugo, realizaron labores de roza na cidade ao longo de 2016

Este programa permite realizar actuacións encamiñadas tanto á adecuación dos espazos públicos da cidade como á conservación e mantemento do mobiliario urbano

Durante este ano o equipo de desbroce xa repasou a roza da Avenida Duquesa de Lugo e da rúa Pombal. Na actualidade colaboran na recollida da poda do arboredo situado no Ceao

Domingo, 19 de febreiro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Os beneficiarios do programa do Concello, Conserva Lugo, realizaron labores de roza na cidade ao longo de 2016

O Concello realizou diversos traballos de roza na cidade durante o 2016, unhas tarefas que realiza un equipo de traballadores contratados grazas ao programa Conserva Lugo. Os operarios realizaron tarefas de desbroce en diferentes puntos da cidade, como a Avenida Duquesa de Lugo, o acceso ao Complexo Deportivo O Palomar, a zona de xogos infantís do Polígono das Gándaras, as rúas Pombal, Catasol, Conexeira, Cornubia, Alcalde Xosé Novo Freire, dos Carros e a avenida de Magoi.

Durante este ano o equipo de desbroce xa repasou a roza da Avenida Duquesa de Lugo e da rúa Pombal. Na actualidade están a colaborar nas tarefas de recollida da poda do arboredo situado no Polígono do Ceao.

O programa Conserva Lugo permite realizar actuacións encamiñadas tanto á adecuación dos espazos públicos da cidade como á conservación e mantemento do mobiliario urbano. Ademais con este programa, o Concello mantén a súa prioridade de investir nas persoas, xa que busca facilitar a inserción laboral de desempregados lucenses.

Este programa impulsa a inclusión laboral de 20 desempregados en situación de risco ou exclusión social, perceptores da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA), nas brigadas de obra municipais, durante 7 meses, para o que foron contratados 16 peóns, 3 oficiais e 1 encargado.

Noticias relacionadas