Os actos culturais do programa LVCVS CVLTVRAL desenvolveranse do sábado 26 de maio ao xoves 21 de xuño

Mércores, 16 de maio de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Benestar Social, Igualdade e Xuventude, organiza varios actos culturais previos á celebración do Arde Lucus MMXII como desfiles de peiteados romanos, conferencias, exhibicións ou visitas guiadas

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude, Carmen Basadre, xunto cun representante de cada unha das asociación de romanos e castrexos da cidade, presentaron as actividades culturais previas ao Arde Lucus, o Lvcus Cultural. Estas actividades desenvolveranse dende o sábado día 26 de maio ata o xoves 21 de xuño.

Esta serie de actos culturais, englobados baixo o nome “Lvcvs Cvltvral”, divídense en tres grandes bloques: ciclo de conferencias, visitas Lucus Cultural e, por primeira vez no Arde Lucus, xornadas temáticas nos diferentes barrios da cidade.

Desta maneira, o ciclo de conferencias organizadas polo Concello e pola asociación Cohors III Lucensium, comezan o 31 de maio ás 20 horas, na que Xulio Carballo falará sobre os Os castros galegos no territorio. A seguinte sesión será o día 7 de xuño ás 20 horas impartida por Pepa Rey sobre Vida cotiá dos castrexos. A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude, tamén anunciou que se farán conferencias o día 14 de xuño a cargo de Isabel Rodá sobre Ludi Romani e o 18 de xuño ás 20:30 horas a Para que fundou Roma Lucus Augusti? de María Dolores Dopico Caínzos. Outro dos temas dos que se tratarán nestes actos é o medio ambiente, unha cuestión que María Xosé Bravo Bosch, explicará baixo o título de O medio ambiente en Roma: regulación xurídica o día 19 de xuño, ás 20:30 horas. Pecharán este ciclo, Pedro López Barja de Quiroga coa conferencia O círculo de poder: escravos na antiga Roma o día 20 de xuño e, Jean Pierre Adams, ofrecerá unha disertación sobre Aurelio, desde las murallas de la paz hasta las murallas del temor o día 21 de xuño ás 20 horas. O lugar de celebración destas actividades será no Salón de Actos da Deputación de Lugo.

En canto ás visitas culturais guiadas terán lugar os días 2, 9 e 16 de xuño, dende as 11 da mañá, e formaranse grupos de ata 25 persoas para cada unha das visitas. No primeiro dos días será ás Termas Romanas e contará cun prazo de inscrición ata o 25 de maio. O día 9 de xuño a visita será polo Lugo Romano, visitando o máis destacado da cidade, o prazo de solicitude de praza remata o día 1 de xuño. Finalmente o día 16 haberá unha visita guiada á Domus do Mitreo. Os grupos de visita completaranse por orde de inscrición que se poderá facer a través do teléfono 010.

Carmen Basadre, xa avanzara que este ano se ía repartir as actividades por varios barrios da cidade. Así, o 26 de maio as asociacións Trebas Galaicas e Xaquedrum estarán na praza do Castiñeiro dende as 17:00 ás 20:00 horas realizando actividades para nenos e maiores como obradoiros de madeira, de barro ou unha partida de xadrez xigante entre nenos romanos e galaicos. O seguinte sábado, o día 2 de xuño, Tir Na Nog e Terra Copora realizaran actividades similares na praza de Augas Férreas. O sábado 8 de xuño, as asociacións Caetra-Civitas realizarán na praza da Milagrosa actividades como desfiles militares romanos ou xogos de mesa. Finalmente, o día domingo 9 de xuño, na praza das Fontiñas haberá actividades como lanzamento de aros, ferraduras ou carreira de sacos, levadas a cabo pola asociación Lucus Equites- Lugdunum.

Neste programa tamén se inclúe unha xornada de degustación de pan romano que terá lugar na Praza Maior durante todo o día do 16 de xuño.

Multimedia

Noticias relacionadas