Os 450 primeiros subscritores do boletín Lugo Cidade Viva poderán recoller o seu castiñeiro a partir de mañá na Escola Politécnica da USC

O executivo municipal decidiu agasallar ás primeiras persoas en ser partícipes deste proxecto cunha árbore procedente do novo bosque urbano das Gándaras.

A través desta iniciativa achegarase información sobre actuacións e propostas de vangarda no ámbito do medio ambiente e a loita contra o cambio climático.

A nova newsletter sumarase ás campañas educativas que está xa a realizar o goberno de Lara Méndez a través do LIFE nos centros escolares do municipio.

Luns, 01 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Os 450 primeiros subscritores do boletín Lugo Cidade Viva poderán recoller o seu castiñeiro a partir de mañá na Escola Politécnica da USC

Os 450 primeiros subscritores do boletín Lugo Cidade Viva, posto en marcha polo Concello para informar, sensibilizar e concienciar á poboación sobre o cambio climático, poderán recoller o seu castiñeiro a partir deste martes. O executivo municipal decidiu agasallar ás primeiras persoas en ser partícipes deste proxecto cunha árbore procedente do souto do novo bosque urbano de 21 hectáreas creado nas Gándaras, no marco do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico.

Deste xeito, nas vindeiras horas recibirán unha comunicación, a través da dirección de correo electrónico facilitada para o rexistro, na que se lles informará das datas e o lugar habilitado para a súa entrega, que será o invernadoiro da Escola Politécnica Superior de Lugo (Campus Universitario de Lugo). O horario será o seguinte: martes 2, de 18:10 a 20:00 horas; mércores 3, de 9:00 a 11:50 horas; e venres, 5 de 18:15 a 20:00 horas.

O proxecto LIFE, liderado polo Concello, está cofinanciado ao 80% pola Unión Europea, e nel tamén participan a Deputación de Lugo, xunto coa Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade Politécnica de Madrid. Cómpre subliñar que o novo pulmón verde das Gándaras, no que o campus universitario de Lugo estivo a traballar este tempo co fin, non só de coidar a biodiversidade, senón tamén para estudar como mellorar a  produción e a calidade dos recursos naturais vinculados ao deseño das cidades sustentables do futuro, abrirase este ano ao público.

Unha nova inciativa para crear conciencia sobre o cambio climático

O Goberno de Lara Méndez editará unha newsletter para achegar á cidadanía actualidade e información sobre actuacións e propostas de vangarda no ámbito do medio ambiente e a loita contra o cambio climático,co obxectivo de sensibilizar e concienciar á poboación.

O novo boletín electrónico, que se publicará baixo o título Lugo Cidade Viva, terá unha periodicidade quincenal e abordará cuestións relacionadas coas novas prácticas e políticas de desenvolvemento urbano sostible que se están a executar no municipio de Lugo e no resto de cidades referentes do mundo.

Deste xeito, o Concello busca implicar á cidadanía para crear conciencia social sobre un problema que afecta a toda a poboación como é o cambio climático e a contaminación atmosférica, partindo da premisa de que o coñecemento e a educación ambiental son fundamentais para entender as responsabilidades individuais e colectivas, así como os beneficios de coidar e preservar os recursos naturais dos que dispoñemos.

O proxecto Lugo Cidade Viva conta ademais cunha páxina web a través da cal os interesados poderán subscribirse ao boletín: http://lugocidadeviva.gal/, e tamén dispón de perfís en Facebook (/lugocidadeviva) e Instagram (@lugocidadeviva) nos que se comparte contido relacionado coa temática medioambiental.

Esta newsletter sumarase ás campañas de concienciación que o Goberno local está a realizar nos centros educativos, con apoio do Campus Terra no marco do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, para que xa desde a infancia os nenos e nenas de Lugo queiran e protexan o medio natural.

Multimedia

  • Os 450 primeiros subscritores do boletín Lugo Cidade Viva poderán recoller o seu castiñeiro a partir de mañá na Escola Politécnica da USC

Noticias relacionadas