Os 11 primeiros mozos que participan no programa de formación Lucus Mundi parten cara Italia, Irlanda e Austria

A Alcaldesa mantivo un encontro con estes titulados en FP ou con certificado de profesionalidade, que “adquirirán experiencia para mellorar as súas posibilidades de inserción laboral na nosa cidade”

As seguintes quendas de estudantes, ata completar as 45 prazas dispoñibles neste plan, beneficiaranse da iniciativa ao longo do vindeiro ano

Luns, 07 de setembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A primeira quenda de participantes no proxecto Lucus Mundi, unha iniciativa impulsada polo Concello de Lugo con fondos da UE que ofrece a estudantes lucenses prácticas laborais en países europeos, parte entre esta semana e a que vén cara Italia, Irlanda e Austria. A Alcaldesa, Lara Méndez, mantivo este luns no Salón de Plenos un encontro con eles, 11 titulados en Formación Profesional de grao medio que traballarán durante tres meses, ata decembro, en empresas relacionadas coas súas titulacións, onde “terán a oportunidade de adquirir experiencia para mellorar as súas posibilidades de inserción laboral na nosa cidade”, explicou a rexedora.

As titulacións dos participantes son variadas, dende a informática de xestión, serigrafía e deseño gráfico, a administración e xestión de empresas ou hostalería. No acto desta mañá estivo a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, e representantes do instituto Muralla Romana e da Escola Superior Ramón Falcón, dous dos socios do Concello neste proxecto formativo, xunto co San Xillao.

As seguintes quendas de estudantes, ata completar as 45 prazas dispoñibles neste plan, enmarcado no Erasmus+, beneficiaranse da iniciativa ao longo do vindeiro ano.

Emprego, obxectivo prioritario

Esta é a primeira vez que o Concello pon en marcha un proxecto europeo dirixido aos estudantes de FP de grao medio e con certificado de profesionalidade, pois ata o de agora foron os universitarios ou alumnos de FP de grao superior os beneficiarios, a través de distintas edicións do programa Lugoquálitas. “Aínda que o Concello non ten as competencias directas, crear emprego é un obxectivo prioritario da nosa acción de goberno, e iniciativas coma esta, que ademais son froito da colaboración entre institucións públicas, centros educativos e a Unión Europea, contribúen a acadalo”, subliñou a Alcaldesa. “Queremos que os nosos mozos teñan un traballo e un futuro no noso concello, que fagan aquí, en Lugo, o seu proxecto de vida, e que contribúan deste xeito ao desenvolvemento socioeconómico da nosa cidade co seu dinamismo e iniciativa”, sinalou Lara Méndez, quen subliñou que esta experiencia “será moi enriquecedora, a nivel formativo e persoal, e pode aportar o plus diferencial para conseguir un posto de traballo”.

Colaboración

O Concello lidera este proxecto que se leva adiante a través dun consorcio do que forman parte tamén os IES Muralla Romana e Sanxillao, e a Escola de Arte Superior e Deseño Ramón Falcón. Tamén poden participar alumnos de cursos e obradoiros do Concello que conten co certificado de profesionalidade.

As persoas participantes realizarán prácticas relacionadas coa súa titulación, durante 13 semanas, en empresas de Cork (Irlanda), Belfast (Reino Unido), Viena (Austria), Florencia (Italia) e Lisboa (Portugal) e simultáneamente recibirán un curso intensivo do idioma do país de destino. Percibirán unha axuda de 275 euros para gastos de viaxe, titorización persoalizada para as prácticas, seguro, pago do aloxamento e unha cantidade económica para manutención de entre 2.000 e 4.000 euros segundo o país de destino.

Noticias relacionadas